martes, 23 de diciembre de 2008

A mámoa nº6 de os Campiños

A mámoa número 6 de Os Campiños, sito no lugar de Meiquiz - Leiro, pertencente á parroquia de Santa María de Leiro, no concello coruñés de Rianxo. As coordenadas xeográficas desta mámoa son, Latitude 42º 40’ 27.22’’ N, Lonxitude 8º 45’ 51.62’’ W; e nas UTM, X: 519310.39, Y: 4724750.95, e Fuso 29.
Cartografía de Os Campiños, a mámoa 6 é a negra Existe algunha cartografía deste xacemento, a que eu utilizo é un mapa cartográfico no que se recollen as mámoas existentes nesa zona, que son as da Paradegua (Bexo -Dodro), Bacariza (Bacariza -Rianxo), Monte Picoto (Burés -Rianxo), e Os Campiños (Leiro -Rianxo), nas que se atopa este túmulo.
A adscrición cultural do xacemento é o Neolítico; mentres que a adscrición tipolóxica é a dun túmulo megalítico.
Esta mámoa, igual que as outras desta zona, sitúase nunha pequena chaira na aba sur do Monte Lioira, no monte de Leiro, ó sur a autovía AG 11 (que transcorre por enriba dalgunha destas mámoas), e á beira dun camiño forestal. O túmulo atópase nunha área onde se sitúan tres grupos de mámoas, as de Os Campiños, Monte de Pena e Cuncha Vieira e os petroglifos da Foxa Vella.
A adscrición cronolóxica é 3600 -2700 a.C., sendo polo tanto do da fase de apoxeo do megalitismo, situada entre o Neolítico final e o Calcolítico inicial.
O ano e as circunstancias de descubrimento desta mámoa, e do resto desta necrópole, non está moi claro, pero os túmulos xa son coñecidos dende fai moito tempo, xa que son coñecidos na zona como “ do mouro”; en canto á comunidade científica, xa nos anos 70 foi obxecto de investigacións por membros do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento". Esta mámoa foi prospectada dúas veces (non se descubrindo ningunha estructura arquitectónica) a primeira polo Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" a principios dos anos 70, a segunda prospección realizouse no verán de 1977 por membros do Teleclube de Leiro. No ano 1982 trala denuncia duns veciños, a Inspección de xacementos arqueolóxicos da provincia da Coruña elaborou un plan de actuación que, despois de repetidos intentos, conseguiu levarse a cabo só en parte, realizandose entre decembro de 1983 e marzo de 1984 unha escavación arqueolóxica dirixida por Ramón Fábregas Valcarce e Félix de la Fuente Andrés (tamén responsables da súa restauración).

Os xacementos que podemos atopar no entorno desta mámoa son, nun radio de dous quilómetros e medio, as outras mámoas de Os Campiños (bastante afectadas, e incluso soterradas pola autovía do Barbanza, AG 11), as mámoas de Cuncha Vieira, os petroglifos dos Mouchos e os dos Campos, os castros da Punta do Castro e de As Sercas, as mámoas do Monte de Pena e os petroglifos da Foxa Vella; mentres nun radio de cinco quilómetros están tamén as mámoas do Monte Picoto, da Bacariza, da Paradegua e do Riasós, os petroglifos de Rianxiño e de Bouza Abadín, e os castros de Bexo, as Murallas, Foxacos, Castro Barbudo, Traba, o Castriño e Agro do Castro. Destes xacementos atópanse todos no concello de Rianxo, agás as mámoas da Paradegua e o castro das Murallas en Bexo, e os petroglifos de Bouza Abadín e a mámoa do Riasós en Imo, todos no concello de Dodro; nos xacementos situados no radio máis pequeno, dous quilómetros e medio, só as mámoas do Monte de Pena e os petroglifos da Foxa Vella non están na parroquia de Leiro. Nas inmediacións desta necrópole, no Monte Loeirias, atopouse nunha cista un importante conxunto do Bronce Inicial, pouco común en Galicia, composto por un depósito formado por 5 puñais e unha alabarda, materiais que actualmente se atopan no Castelo de San Antón.
O xacemento foi reconstruído trala escavación do ano 1983 -84, sendo o seu estado actual lamentable, xa que está cuberta de toxos, incluso dentro da anta facendo case imposible percibir o corredor, agás a súa parte posterior; o que se refire ó túmulo este conservase ben, igual que os muros de contención, aínda que tamén están afectados polos toxos, ademais fáltanlle as laxes que cubrían a anta, non se sabe se foron espoliadas ou levadas ó Museo Arqueolóxico de Pontevedra, onde se di que están. Esta necrópole, non só a mámoa 6, necesita que se tomen medidas inmediatas para a súa conservación, senón dentro de pouco tempo está todo cuberto polo mato, non o estando agora polos lumes do verán de 2006 que limparon a zona; as propostas de conservación dos autores da escavación coinciden coas miñas, hai que acondicionar o lugar para que poida recibir visitas, limpalo, vallalo, sinalizalo e explicalo, ademais de levarlle un mantemento de forma regular. O estado da mámoa 6 aínda é máis vergoñento polo intento da Xunta de facelo BIC (Ben de Interese Cultural).
A primeira prospección, realizada polo Instituto

de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" atopou restos, pero como se dixo antes, nin foron catalogados nin publicados, estando estes restos nas instalacións deste organismo; segunda, feita polo Teleclube de Leiro, atopou unha lámina apuntada, unha punta de frecha e fragmentos de cerámica pertencentes a un vaso, que foron gardados no local do Teleclube o Centro Cultural Vicente Vidal, seguindo alí hoxe en día; a escavación arqueolóxica realizada por Fábregas Valcarce e de la Fuente atopou diversos materiais, dos que non se di nada sobre o lugar no que están depositados, polo que se supón que estarán no Museo Arqueolóxico da Coruña, tamén coñecido como Castelo de San Antón.


Bibliografía:
1- “Materiales de un túmulo megalitico de Leiro (Rianxo)” en Gallaecia, nº 8; USC Departamento de Historia I e Arqueoloxía, Santiago, 1984.
2- “Un importante conjunto del Bronce Inicial en Galicia. El depósito de Leiro” en Gallaecia, nº 11, USC Departamento de Historia I e Arqueología, Santiago, 1989.
3- “Escavación da mámoa 6 de os Campiños (Leiro, Rianxo): campaña de 1984” en Brigantium, nº 7; Museu Arqueolóxico e Histórico da Coruña; A Coruña; 1992.
4- “La laja decorada de os Campiños” en Actas do seminario: O megalitismo no centro de Portugal: novos dados, problemática e relaçoes com outras áreas peninsulares, da Cruz, Domingos J. (coor.), Centro de Estudos Pré -Históticos da Beira Alta, O Porto, 1994.
5- Arqueoloxía de Galicia: itinerarios polo pasado, Carballo Arceo, Luís Xulio, Rosadante (Nigratea), Vigo, 2006.
Outras fontes:
- www.rianxo.com
- Fontes orais diversas
- Datos propios

lunes, 22 de diciembre de 2008



Nestas datas tan especiais querovos desexar a todos bo Nadal e próspero aninovo.


viernes, 12 de diciembre de 2008

Topónimo Bexo

Segundo o diccionario da Real Academia Galega o termo “topónimo” significa “nome propio dun lugar”, que na nosa aldea é o topónimo Bexo; a continuación intentarei explicar, segundo os meus coñecementos, a procedencia deste nome.
A orixe do nome da nosa aldea ten diferentes e moi variadas teorías, como a da súa procedencia do bico que lle dá Bexo ó río Ulla no Bico (vaia a redundancia), a de que procede do arado de veso, ambas pouco probables; e as máis sólidas de que deriva do nome do antigo señor de Bexo, chamado Virgilio ou Virgilius, ou a de que provén das fantásticas vistas que ten esta aldea. Pero neste escrito vou relata a miña propia, unha unificación das dúas anteriores con algunha variación.
Segundo a miña teoría ven do nome da villa altomedieval que se estendía polas terras que actualmente forman Bexo, aínda que o nome xa podía vir dos tempos do Imperio Romano. Esta villa aparecería ó tempo que se abandonaban “as Murallas” (castro de Bexo no que residía antes a poboación), algo que sucedeu contra os séculos III -IV d.C., asentándose a poboación nunha zona menos elevada, probablemente na superficie que se atopa entre o Cruceiro e a corredoira de Folgueiras e entre a Ermida e Trala Torre, quedando o terreo restante como terras de cultivo, case igual que agora, tendo unha espléndida vista das terras de cultivo e do Ulla e as súas marxes dende o núcleo poboacional. A franxa paralela ó leito do Ulla é probable que fose un terreo de braña, na que non se explotaba a agricultura, pero si se explotase doutro xeito. Esta villa que describo recibiría o nome de Vidialdi, que provén do latín vidi que significa ver. Esta villa probablemente estivera configurada xa nos século IX -X d.C.
O cambio á escritura deste topónimo comezado coa letra “B” pode atender a que o dono ou señor das terras desta villa se chamase Bidualdo ou Bidialdo, algo normal xa que ata o século XII non se impoñen os nomes do santoral no bautismo (Papas como Silvestre II, Gerberto de Aurellac, ou S. Gregorio VII, Hildebrando, demóstrano), sendo identificado este territorio con el e producíndose este cambio na escritura do topónimo. A idea de que Bexo fose en tempos propiedade dunha soa persoa non é nada rara, xa que actualmente se conserva o topónimo María do Rei (zona situada preto do Bico), que tamén alude a unha persoa, probablemente unha gran propietaria de terras nesa zona.
A falta de documentación que corrobore isto pode estar relacionada coa semellanza deste topónimo co de outra villa galega a villa Bidualdi e que durante o medievo se escribía manualmente quizais sexa a causante, igual que o paso do tempo, de que non haxa ningunha documentación conservada sobre esta villa actualmente.
A miña opinión é que este topónimo se debe escribir coa letra “B”, pero non está claro si se escribe con b ou con v, xa que se escribe das dúas formas, algo que xa ven de moi antigo, no Catastro de Ensenada (1749) refírense a este núcleo poboacional co topónimo Vejo (castelanización que se usaría ata fai ben pouco, que por certo está mal feita); Catastro no que se nos encadra na parroquia de San Xulián de Laíño, xa que a actual parroquia de San Xoán de Laíño parroquia se segregou desta en 1754 pola distancia da igrexa con algunhas aldeas e fundamentalmente pola inaccesibilidade que provocaba o Rego de Manselle que divide Castro de Sar (agora debe de ir entubado por debaixo da terra) cando se desbordaba no inverno. Esta parroquia pertencía ó concello de Padrón, xa que ata 1835 non hai unha primeira segregación, que o 7 de xuño de 1836 se converte no actual concello de Dodro con capital municipal en Lestrove.

viernes, 5 de diciembre de 2008

Estas dúas últimas entradas que podedes ver son un traballo que fixen o ano pasado sobre o concello de Dodro durante a Restauración (1875 -1931) e a II República (1931 -1936), para o que accedín ó arquivo municipal do concello. O traballo consistía na comparativa entre os concellos de Dodro e Sada nestes períodos, a parte de Sada facía un compañeiro e a comparativa outro.

miércoles, 26 de noviembre de 2008

Historia recente de Dodro






1. PODER POLÍTICO, PODER ECONÓMICO E RELACIÓNS ENTRE AMBOS
1.1. Evolución do concello
O concello de Dodro constitúese como entidade política independente o 7 de xuño de 1836[1] pola escisión en dous do concello de Padrón[2], aínda que xa en 1935 aparecen os de Laíño e Lestrove no partido xudicial de Padrón.
Non se conservan datos municipais sobre o funcionamento do concello no período isabelino nin no Sexenio Democrático, tanto para o reinado de Amadeo I coma para a I República.
1.1.1. Restauración Borbónica (1875-1923)
Para o reinado de Alfonso XII seguen sen conservarse documentos, a primeira acta que se conserva é do 17 de xaneiro de 1885, nela é proclamado Alcalde o Tenente de Alcalde D. Fernando Conde Lois, pola morte do Alcalde anterior, D. Manuel Brañeiro Buela. O 28 de febreiro cámbianse os Peritos repartidores (despois chamaranse Propietarios) e os Suplentes da Xunta por remataren o seu exercicio de catro anos, sendo sustituídos por seis Propietarios e tres Suplentes. O 30 de xuño cesan todos os concelleiros do concello, incluído o Alcalde, elixíndose unha nova corporación para o bienio 1885- 1887. Ó día seguinte, 1 de xullo, proclamase Alcalde a D. Feliciano Barreiro Reboiras.
Tampouco se conservan Libros de Actas entre 1885 e 1900; neste libro de 1900 aparece como Alcalde D. José Viturro Sóñora. O 23 de febreiro cesan, por levar os catro anos de exercicio, os cinco Propietarios e dous Suplentes, sendo remprazados por dous Propietarios e un Suplente, podendo elixir os outros catro o Administrador de Facenda. Para iniciar o ano 1902 constitúese outra corporación municipal[3] na que sigue como Alcalde D. José Viturro Sóñora, sendo elixido coa maioría dos votos da sesión. O 13 de xullo de 1905 prodúcese o cese dos Propietarios e dos Suplentes, entrando outros novos. Para iniciar o ano 1906 volvese constituír o concello, pero segue como Alcalde D. José Viturro Sóñora. En 1908 volvese producir a sustitución dos Propietarios e os Suplentes por outros novos. No mes de xullo de 1909 componse de novo o concello e volvese a elixir Alcalde a D. José Viturro Sóñora pola maioría dos once votos dos edís. O 7 de agosto volven ser cesados remprazados os Propietarios e os Suplentes. No inicio de 1910 volvese constituír o concello e continua como Alcalde D. José Viturro Sóñora. Pero o 8 de febreiro xa aparece como Alcalde D. Manuel Rodríguez Batalla. O 8 de outubro de 1911 vólvense cambiar os Propietarios e os Suplentes. A partir do 5 de novembro de 1911, e ata a composición da nova corporación, o Tenente de Alcalde D. Francisco Rodríguez presidirá as sesións do concello. Esta nova corporación constitúese no inicio de 1912 e é elixido Alcalde D. Ramón Suárez. Para iniciar 1914 volvese constituír o concello e resulta Alcalde D. Ramón Ferreirós Manselle. Despois da constitución de 1916 segue como Alcalde D. Ramón Ferreirós Manselle. O 21 de abril de 1917 cámbianse de novo os Propietarios e os Suplentes. No ano 1918 volvese constituír o concello, pero segue de Alcalde D. Ramón Ferreirós Manselle. En marzo de 1920 constitúese de novo o concello e resulta elixido Alcalde D. Francisco Boga Manselle. En abril de 1922 volvese constituír o concello e segue de alcalde D. Francisco Boga Manselle. O 24 de febreiro de 1923 cámbianse os Propietarios e os Suplentes.
1.1.2. Dictaduras de Primo de Rivera, Berenguer e Aznar (1923-1931)
En outubro de 1923 prodúcese, por acción do golpe, unha nova constitución da corporación municipal, presidindo a mesa da sesión de investidura o Sr. Comandante do posto da garda civil Eusebio Valero, delegado da autoridade militar superior; elíxese Alcalde a D. Francisco Vázquez Torres. 30 de marzo de 1924 intervén o delegado gobernativo do partido[4] e nomease Alcalde a D. Constantino Pérez Carou. O 27 de marzo de 1925 volve intervir o delegado gobernativo do partido e nomease Alcalde a D. Manuel Pérez Lois. O 26 de febreiro de 1930 constitúese o concello e volve ser Alcalde D. Ramón Ferreirós Manselle.
Durante a Dictadura constrúese a actual estrada AC-305 que une Padrón con Ribeira e que pasa polo concello de Dodro, estrada que se fai polo trazado do antigo Camiño Real; para a construcción desta fanse dúas casillas en Dodro, unha en Dodriño e outra en Bexo[5]
1.1.3. II República (1931-1936)
Nas eleccións do 12 de abril de 1931 elíxese Alcalde a D. Juan Francisco Siage Rodríguez. A mesa constituínte acollese á república española ó enterarse de que esta fora proclamada.
Faltan as actas para o ano 1932, a Actas anteriores e posteriores indícannos que neste ano se produciu un cambio de Alcalde, chegando a este posto D. Benigno Baleirón Pérez de Unión Nacional Republicana; en novembro de 1934 Don Antonio Posse, secretario de 3º categoría, pasa a ser Secretario de 1º categoría, tras estar 10 años de servicio e poseer el titulo de avogado. En Dodro si se produxo un paro no funcionamento do concello no ano 1935 pola falta de sesións plenarias dende finais de 1934 ata agosto de 1935.
O 18 de xullo de 1936 aparece a acta de posesión dos subdelegados, presidindo a sesión o delegado civil D. José González Fabeiro. A comisión xestora do concello de Dodro constitúese o 31 de outubro de 1936[6], e elixe Alcalde a D. José González Fabeiro.
A administración do concello non foi moi boa en liñas xerais, pero levouse sen excesivos problemas e sen conflictos a parte das reivindicacións de terreos, comunais ou privadas.
1.2. Política municipal e redes clientelares
Como noutros concellos só se conservan as actas de poucos anos[7], e as que se conservan están case todas en bo estado a pesar da mala conservación sufrida polo deficiente estado dos faiados da casa consistorial, lugar onde se gardan, ata o seu arranxo a finais dos anos 90.
Os Alcaldes que se coñecen para estes dous períodos son; D. Manuel Brañeiro Buela ( ?- 1885)[8], D. Fernando Conde Lois (17/1/1885 – 30/6/1885), D. Feliciano Barreiro Reboiras (1/7/1885 -? ), D. José Viturro Sóñora (? - 8/2/1910)[9], D. Manuel Rodríguez Batalla (8/2/1910 – 5/10/1911)[10], D. Ramón Suárez (1/1912 – 1/1914), D. Ramón Ferreirós Manselle (1/1914 – 3/1920) (26/2/1930 - 14/4/1931), D.Francisco Boga Manselle (3/1920 – 10/1923), D. Francisco Vázquez Torres (10/1923 – 30/3/1924), D. Constantino Pérez Carou ( 30/3/1924 – 27/3/1925), D. Manuel Pérez Lois (27/3/1925 – 26/2/1930), D. Juan Francisco Siage Rodríguez (14/4/1931 -1932 ), D. Benigno Baleirón Pérez (1932 - 18/7/1936) e D. José González Fabeiro ( 31/10/1936 - ?)[11].
En canto á ideoloxía política destes só hai datos para 1935, repartíndose os 11 escanos do concello da forma seguinte, PR 6, UR 3 e 1 os Independentes e UNR, aínda que a porcentaxe de votos nese ano é de, CEDA[12] e NR 30%, PR 25% e un 15% de abstención: Os estímulos que necesitaban os dodreses para votar por un partido eran a baixada dos impostos e as melloras gandeiras.
Os únicos rastros que se poden atopar en Dodro do sistema caciquil son a importancia, e o espazo que ocupan nos Libros de Actas a partir de 1901, ás listas[13] de alistamento para o servicio militar e ó sorteo de empregos públicos, sufrindo ambos rectificacións e censos, ademais dalgunha nova aparecida en xornais sobre o nomeamento dalguén con diñeiro para un posto público; á par disto tamén se coñece o roubo de urnas electorais na II República.
En canto á influencia, nos anos 34 e 35 só a tiñan os curas sobre as mulleres, o Alcalde sobre a parroquia de Santa María de Dodro[14] e o Xuíz sobre a de San Xulián de Laíño[15], quedando a de San Xoán de Laíño (a máis extensa) sen ningunha influencia importante. Na política só a tiñan o PR con D. Francisco Vázquez Enríquez que segue a Abad Conde, a CEDA con D. Ramón Fabeiro Vigo que cumpre as indicacións de Gil Casares e a NR con D. Estanislao Pérez Artime que segue as do Sr. Rodríguez Pérez.

2. ASOCIACIONISMO AGRARIO E POLÍTICO
2.1 Asociacións agrarias
En Dodro non houbo organización de ningún tipo nin asociacións agrarias, aínda que si houbo dúas cooperativas gandeiras, a de Productores de Laíño[16] e a de La Unión e tres sociedades de Seguros Mutuos de gando vacún e de cerda en Vigo, Revixós e Lestrove. A cooperativa de Productores de Laíño dedicábase á recollida e venta do leite, que era vendida na compostelá praza de Cervantes; tanto esta cooperativa como a outra desaparecen ó comezo da Guerra Civil.
En canto as asociacións de Seguros Mutuos de gando vacún e da cerda a primeira en fundarse foi a de Vigo sobre 1908, tendo como Presidente a Francisco Fraga, como Vicepresidente a Vicente González e de Vocais a Esteban Mariño, Francisco Reboiras, Ramón Rodríguez, Miguel Pérez e Manuel Barrigro, renovándose os cargos anualmente segundo a normativa vixente nese momento. Consérvanse poucos datos e case todos los datos son referidos a la renovación de los cargos, con algunhas menciones de los gastos o pequenos incidentes (un caso de abandono por desconformidade con los resultados); en 1924 todos os membros eran labradores agás o Vicepresidente que era carpinteiro, Presidente: Benito Baleirón Viturro, os gastos de 1923 foron de 5564 ₧; en 1925 é Presidente Celestino González; en 1926 prodúcese un cambio de directiva, Presidente: José Calvo, ademais o valor das reses da sociedade é de 65327 ₧; en 1927 o Presidente é Ramón Calvo; en 1928 segue a mesma directiva que comeza a renovarse cada dous anos. En 1929 fúndase a sección de Seguros Mutuos de cerda con domicilio en Vigo, casa Nº1 do municipio de Dodro, cos obxectivos de, Veterinario y medicinas para os socios, indemnización para as mortes de gando, recadación de diñeiro para tales fins entre os socios. Los repartimentos levaraos a cabo o Secretario, para entrar hai que formar parte da Sociedade de Seguros Mutuos e non ter gando vacún, o ganado será revisado todos os meses; en 1933 comeza de Presidente Ramón Pérez, pero despois dunha Xunta extraordinaria para elixir nova directiva éo Francisco Reboiras Vilas; finalmente en 1935 é Presidente Manuel Romero Calvo.
En 1923 créase a Sociedade de Seguros Mutuos de gando vacún e da cerda de Lestrove con domicilio na casa nº41 de la calle Real de Lestrove co obxectivo de indemnizar as perdas aos afiliados, a sociedade conta con Presidente, Vicepresidente, Secretario e 3 Vocais, cuns deberes e poderes de cada cargo moi parecidos á anterior; en 1924 ten 144 socios, un capital en gando vacún de 95.000 ₧ e en gando de cerda de 1.220 ₧, e cunhas perdas de 4.732 ₧ das que aboan 929, quedando 3.802 pesetas por pagar; en 1925 é Presidente Manuel Vigo Zembra e ten 6.252 ₧ de gastos das que faltan por pagar 1.374; en 1926 o Presidente é Rogelio Boga. En 1932 fúndase a “Unión de Lestrove” (Seguros Mutuos de ganado vacún y cerda) cos obxectivos de indemnizar perdidas de reses ós socios, ademais de dar veterinario e menciñas ós mesmos, consta dun Presidente, un Vicepresidente, 3 Vocais e un Secretario, tendo como primeiro Presidente a José Lorenzo.
O 11 de Setembro de 1920 fúndase a Sociedade de Revixós, Dodro (de ganado de cerda), tendo como Presidente a Ramón González Pérez; en 1923 o Presidente é Antonio Calvo Mariño, tendo no 2º semestre deste ano uns ingresos de 566 ₧ e 25 céntimos, e uns gastos de 566 ₧ e 25 céntimos; en 1924 Manuel Romero Calvo é o Presidente, cando teñen problemas ó non aceptar Ramón Pérez Pérez o cargo de Vicepresidente[17].
2.2 Movementos de oposición ó poder político e/ou económico
No concello de Dodro non houbo máis movementos de oposición ó poder político que a sinatura do Pacto de Lestrove producida o 26 de marzo de 1930, un acontecemento esencial para a proclamación en Galicia da II República, que se realizou no pazo da Ermida desta aldea de Dodro o 16 de marzo de 1930, feito nun momento de debilidade institucional no que a suposta clandestinidade é un mito; a esta reunión asisten unha gran cantidade de republicanos, pero ningún sector nacionalista, da ORGA e o Partido Radical (cos seus líderes á cabeza, Casares Quiroga e Abad Conde, respectivamente), o Partido Radical- Socialista, o Partido Republicano Federal, representantes da sección galega da FUE, algúns republicanos a título propio e varios sindicalistas ex- militantes da CNT; o obxectivo era crear unha estructura unitaria que representara a todo o republicanismo galego (a FRG) que busque, apostar por unha república democrática, a independencia sobre os partidos de ámbito estatal (igual que a ORGA), defender a propor un Estatuto de Autonomía para Galicia, crear un organismo unitario para unhas posibles eleccións. A partir da FRG darase un gran salto no republicanismo galego, sendo a representación recollida por provincias.
Tamén hai constancia en novas de xornais de sancións económicas polo incumprimento de normas[18], ó celebrar un baile sen autorización, e por negarse a vender excedentes da súa colleita[19]; tamén hai a nova da agresión cunha escopeta dun veciño a outro e da apertura do prazo para a cobranza da cota de consumos e arbitrios extraordinarios do terceiro trimestre.
APÉNDICE GRÁFICO
Corporación do concello de Dodro en 1935:
Alcalde: Benigno Baleirón Pérez de Unión Nacional R.
Tenente –Alcalde: Juan Boga de Unión Nacional R.
Concelleiros:Lino Boga Reboiras de Unión Nacional R.
Antonio Fabeiro Vigo de P. Radical.
Francisco Rodríguez Ares de P. Radical.
Serafín Gómez Viturro de P. Radical.
Francisco Rodríguez Gaciño de P. Radical.
Manuel Susavila Pérez de P. Radical
Jesús Fernández Suárez de P. Radical.
Ramón Ferreiros Manselle de Independente.
Secretario: Antonio Posse García, elixido por concurso[20].
Xuíz- Peregrino Brañeiro Rey.
Regulamento fundacional da sociedade de Vigo (copiados os primeiros artigos unicamente).
1º Componse dun Presidente, un Vicepresidente, cinco Vocais e un Secretario.
2º O Presidente e o Vicepresidente elíxense por maioría entre os 7 Vocais; o Secretario en xunta xeral dos socios.
3º 3 Vocais por Vigo, un por Dodro, 2 por Revixós e un por Lestrove. Elíxense por votación dos socios de cada lugar.
4º En caso de empate decide o Presidente.
5º Para entrar, debe presentarse ante o Secretario e firmar o presente documento.
6º Recoñecerase o gando dos afiliados ó entrar polos Vocais do lugar, así como dos futuros afiliados.
7º O Secretario fará o reparto de cotas cando morra unha res e se pague o seu valor.
8º O reparto será revisado por calquera antes do cobro, para verificar que as cotas son xustas con todos os membros.
Os demais artigos proseguen cos pagos e os deberes do Presidente.
Directivas da sociedade:
1924: Presidente: Benito Baleiron Viturro, Vicepresidente: Juan Viturro Pérez, Vocais: Benito Romero Morales, Manuel Morales Citoula, Ramón Citoula, Antonio Morales García, José Ramos Romero, Domingo Castró.
1925: Presidente: Celestino González, Vicepresidente: Avelino Legae, Vocales: Laureano Romero, José Citoula Lousavila, Benito Pérez Balerián, Marcelino Calero Touréz, José Ramos Romero. Secretario Juan Viturro. Secretario: José Tousio Romero.
1926: Presidente: Celestino González, Secretario: Juan Viturro. 65.327 Pesetas el valor de las reses de la sociedade. Cambio de directiva, Presidente: José Calvo, Vicepresidente: Juan Méndez Carballeira, Vocais: Ramón Calvo González, Francisco Pérez, Ramón Romero Reboiras, Ramón Diz Romero y Francisco Tourriz Vestido. Secretario: Juan Viturro Pérez.
1927: Presidente: Ramón Calvo, Vicepresidente: Antonio Vigo Batalla, Vocais: Rosendo Ferradas, Laureano Romero, Manuel Auqueira, José Pérez, Manuel Lusavila, Secretario: Juan Viturro.
1928: Presidente: Ramón Calvo, Vicepresidente: Antonio Vigo Batalla, Vocais: Rosendo Ferradas Vacal, Laureano Romero, Manuel Lausavila, Manuel Auqueira, José Pérez, Secretario: Juan Viturro.
20 de Outubro de 1933: Presidente: Ramón Pérez, Vicepresidente: Benito Pérez, Vocais: Ramón Lusavila, Manuel Torres, Ramón Citoula, Marcelino Calvo Tousis, Secretario: Antonio Romero.
1933: Presidente: Francisco Reboiras Vilas, Vicepresidente: Celestino González, Secretario: Antonio Romero, Vocales: Manuel Morales Citoulo, Avelino Torres Boga, Buenaventura Boga Pérez, Enrique Reboiras y Ramón Blanco Reboiras.
29 de Setembro de 1935: Presidente: Manuel Romero Calvo, Vicepresidente: Manuel Lampón Manselle, Vocais: Ramón Torres Tragarido, José Citoula Lusavila, Antonio Calvo Mariño, Frarreiseo Reboiras Tousis, Manuel Boga Cartiñas, Secretario: Antonio Romero Tousis.
Directivas da sociedade de Lestrove:
1924: Presidente: Manuel Vigo Zembra, Vicepresidente: Ramón Citoula Pérez, Vocais: Daniel Gil Diz, José Lorenzo Pérez, Juan Méndez Rodríguez.
1926: Presidente: Rogelio Boga, Vicepresidente: Manuel Anqueira Pérez, Vocais: Manuel Cardama Mariño, Avelino Torres Boga, Agustín Mourelle Castro, Secretario: Manuel Romero Ramos.
Delegado para Rebixós: José Romero Reboiras.
1927: Presidente Rogelio Boga, Vicepresidente: José Lorenzo por renuncia de Manuel Anqueira, Secretario: Manuel Romero.
1932: Presidente: José Lorenzo, Vicepresidente: Francisco Susavila Pérez, Vocais: Ramón Citoula Pérez, José Pérez, Secretario: Manuel Castro Lorenzo.
Directiva sociedade de Revixós:
11 de Setembro de 1920: Presidente: Ramón González Pérez, Vicepresidente: Ramón Pérez Pérez, Vocais: Marcelino Calvo Touris, Manuel Vigo Batalla, Joaquín Moreira Corbal, José Citoula Susavila y Lorenzo Romero.
1923: Presidente: Antonio Calvo Mariño, Vicepresidente: Antonio Calvo Romero, Vocais: Francisco Batalla, Juan Reboiras Vilas, Laureano Romero, José Citoula.
1924: Presidente: Manuel Romero Calvo, Vicepresidente: Ramón Pérez y Pérez, Vocais: Marcelino Clavo Touris, Ramón Citoula, Manuel Torres, Benito Romero Mordes, Avelino Leage Beiro, Secretario: José Tousis.
ABREVIATURAS UTILIZADAS
Km²: Quilómetro cadrado
ºC: graos centígrados
m: metro/s
D.: Don
₧: pesetas
PR: Partido Radical
UR: Unión Republicana
CEDA: Confederación Española de Derechas Autónomas
NR: Nacional Republicana
UNR: Unión Nacional Republicana
FUE: Federación Universitaria Española
CNT: Confederación Nacional del Trabajo
ORGA: Organización Republicana Gallega Autónoma
FRG: Federación Republicana Gallega
FONTES
ARQUIVÍSTICAS
- Arquivo municipal de Dodro[21] (Actas)
- Arquivo do Reyno de Galicia (asociacións e partidos)
HEMEROGRAFÍAS
- El Compostelano (1926 -1942)
- El Correo de Galicia (1903 -1918)
- El Pueblo Gallego (1931 -1936)
- La Voz de Galicia ( 28 de maio de 2007)
BIBLIOGRÁFICAS
- Equipo Ir Indo, “Galicia en comarcas: O Sar e Umia”, la voz de Galicia, Vigo, 2006.
- Figueira, Silvia, “Dodro un concello para ver”, concello de Dodro, Dodro, 2003.
[1] Data non fiable ó 100% pola falta de documentos municipais (actas) ata 1885.
[2] As parroquias de San Xoán e San Xulián de Laíño e Santa María de Dodro, por un lado e Padrón, Iria, Cruces, Herbón e Carcacía polo outro.
[3] Estas constitucións sóense celebrar na última semana de decembro ou na primeira de xaneiro.
[4] A Unión Patriótica.
[5] Que xa non se conserva pero que deixou pegada ó darlle nome a un lugar.
[6] A partir desta data non indaguei máis, pero existen datos.
[7] Dos 100 primeiros anos do concello só se conservan os de 36.
[8] Non hai datos directos do seu goberno.
[9] Non existen datos entre 1885 e 1900 polo que se descoñece o inicio do seu goberno.
[10] Entre o 5 de outubro de 1911 e xaneiro de 1912 preside os plenos o Tenente de Alcalde D. Francisco Rodríguez.
[11] Segue sendo Alcalde en 1937 pero eu deixei de indagar o 31 de outubro de 1936.
[12] Os seus votos veñen principalmente das mulleres que representan o 30% do censo. Tamén en Dodro a CEDA ten boas relacións co PR, existindo a hipotese dunha unión dos dous nas seguintes eleccións.
[13] Pero estas listas tamén teñen importancia porque son unha boa fonte censitaria ó conter estas información do soldado.
[14] A parroquia á que el pertencía, xa que vivía en Revixós.
[15] Probablemente esta tamén fose a súa.
[16] Esta foi unha das primeiras cooperativas creadas en Galicia, polo que a de La Unión tamén será unha das primeiras.
[17] Polo que se lle aplica o reglamento de acordo con ese caso.
[18] Pagadas con multas de 250, 150 e 75 ₧.
[19] Saldadas con multas de 2000 ou 3000 um.
[20] Concurso que tivo escasa influencia.
[21] Arquivo pouco numeroso e de difícil acceso por parte do Alcalde actual e da Secretaria principal do concello.

martes, 4 de noviembre de 2008

Concello de Dodro








Dodro é un concello da provincia da Coruña situado na vertente norte da desembocadura do río Ulla, ubicado entre os concellos de Padrón e Rois (cos que forma a comarca do Sar), Lousame e Rianxo e o río Ulla; este concello componse de 26[1] núcleos de poboación denominados aldeas, das que Tallós é a capital[2], estes agrúpanse en tres parroquias, San Xoán de Laíño, San Xulián de Laíño e Santa María de Dodro, ocupando unha superficie total de 36´08 Km²[3], e cunha poboación actual de 3131 habitantes. O clima do concello é o oceánico –hiperhúmido, encadrado dentro do subtipo galego das Rías Baixas, caracterizado por unha elevada pluviosidade e temperaturas mornas e cunha temperatura media de 12ºC cunha oscilación térmica superior ós 10ºC; en canto á orografía Dodro é unha zona prelitoral situada na Depresión Meridiana que aproveita o río Ulla ó dirixirse cara a súa desembocadura[4], así nun espazo tan pequeno coexisten dúas áreas ben contrastadas, unha baixa que coincide co Esteiro do Ulla, e outra no norte de tipo montañoso e cunha gran riqueza forestal, nesta área atópanse as maiores alturas do concello[5] e os Montes do Morouzo[6] un dos contrafortes da Serra do Barbanza. O esteiro do Ulla crea unha fermosa chaira litoral de sedimentos aluviais, na que se abren as marismas das Avesadas ( Brañas de Laíño, Lestrove e Dodro)[7] e varias illas entre as que destacan a Insua de Bexo e o “lombo do Ulla”, zona que se atopa protexida polos seus elevados valores ecolóxicos e paisaxísticos.
A historia de Dodro non está moi ben estudiada[8]; os primeiros vestixios de asentamento no concello, as catro mámoas da Paradegua[9](Bexo), datan do Neolítico, máis concretamente do Megalitismo, para a Idade do Bronce tamén hai restos, os petroglifos de Bouza Abadín (Imo); pero do período que máis restos existen é da cultura castrexa, existindo en Dodro, alomenos, seis castros[10] dos que destacan o de Lestrove, descuberto por D. Manuel Murguía, e o de Imo, o mellor conservado e moi estudiado; unidos a estes xacementos hai lendas sobre os mouros, Santiago Apóstolo e a comunicación entre eles e co Castellum Honesti (Torres de Oeste) mediante túneles; ningún destes xacementos se atopa nas mellores condicións, fundamentalmente polo aproveitamento da pedra para a construcción e a terra para o cultivo, feitos fomentados pola ignorancia, o descoñecemento e o afán exclusivista relacionado con algúns deles. De época romana non se conserva máis que a parte nova das Murallas de Bexo (o castro) e o Itinerario de Antonino. A falta de información converte o medievo de Dodro nunha incertidume, só se sabe que o castro de Lestrove foi a residencia dun xefe nesta época; incertidume que pouco se aclara en época moderna, da que só se coñece o asentamento de varias familias nobres[11] cos seus pazos e as súas propiedades no concello, neste momento tamén se constrúen outros monumentos; a falta de información ven provocada pola división, no Antigo Réxime, do actual concello en dúas xurisdiccións a de Lestrove e Dodro e a de Rianxo todas pertencentes á provincia de Santiago.
Segundo os datos coñecidos, pois os padróns máis antigos conservados son do ano 1945 e o censo de 1951, o concello de Dodro sempre contou con once edís no pleno municipal, os mesmos que actualmente, o que indica que a súa poboación non sufriu moitos cambios ó longo deste tempo; dende o ano 1900 esta poboación non baixa dos 3100 habitantes, ata o ano 20 segue medrando, sufre unha suave caída nos anos 20 -30, da que se recupera, a pesar da Guerra Civil, no período 30 -40, como consecuencia da emigración polos anos da fame da posguerra en 1970 descendera a poboación, aumentando dende este momento ata o ano 2000 no que volve a comezar a baixar a poboación; durante o século XX a poboación moveuse entre os 3100 e os 3700 habitantes. A poboación actual de Dodro, ó igual que a de gran parte de Galicia, estase avellentando. O despoboamento xa provocou a desaparición dunha aldea.
O patrimonio artístico, histórico e arquitectónico que se conserva non é moi abundante, pero si interesante e con certa importancia. Existen, case todos en perfecto estado, diferentes mostras de arquitectura relixiosa[12], civil[13]e popular[14]; este patrimonio conservase moi ben, exceptuando algúns[15], sendo restaurados e coidados nos últimos anos grazas á colaboración dos veciños e do concello que conseguiu subvencións e se preocupou por mantelos, aínda que a situación dalgún non é tan boa como debería[16], e pódense seguir contemplando e desfrutando.
[1] Coñécese a existencia doutro núcleo na parroquía de San Xoán de Laíño que quedou desabitado a finais do século XIX principios do XX.
[2] Xa foron capital, antes que Tallós, Lestrove e Vigo.
[3] San Xoán de Laíño con 6 aldeas e 17.18 km², San Xulián de Laíño con 13 aldeas e 11.70 km² e Santa María de Dodro con 7 aldeas e 7.20 km².
[4] Situada, legalmente uns 2 km máis adiante, e xeográficamente uns 5 km.
[5] A Lomba da Poza con 576 m, Caldebarcas con 312 m e o Carboeiro.
[6] Pequena serra formada polos montes Caldebarcas e Vilar e inserta nos Montes do Valeirón.
[7] Máis coñecidas como Brañas de Laíño.
[8] Por desinterese e pola falta de documentos.
[9] Preto destas, no alto da Paradegua xa no concello de Rianxo, hai máis mámoas, polo que o pobo ou pobos que as construíu podía vivir nun concello ou noutro.
[10] O da Veiga de Abaixo en Bexo, o de Lestrove, o de Traxeito, o do Monte Xián en Revixós, o de Imo e o de Castro. Xunto a estes xacementos existen variopintas formacións rochosas.
[11] Os Ballesteros no pazo de Tarrío, os Ermida no da Ermida, os Bendaña e o de Vigo e os arcebispos no de Lestrove.
[12] As igrexas parroquiais, San Xulián de Laíño (anterior ó século XVII), Santa María de Dodro (1718) e San Xoán de Laíño (1754); as capelas, San Mauro de Bexo (século XVII) e Virxe do Bo Parto e do Leite; cabe destacar ademais o San Pedro e a Belén de pedra conservados na capela de Bexo e as casas rectorais.
[13] Os pazos, Tarrío (1567), Ermida (século XVI), Lestrove (século XVI) e Vigo.
[14] Casas antigas, hórreos ( a Lavandeira en Imo, século XVIII), pombais (Lestrove, Imo, Teaio e Manselle), cruceiros (Cruz do Avelán e Bustelo), muíños (Chenlo, A Devesa, Bexo, Sar) e reloxos de sol.
[15] O pazo de Vigo xa que a súa torre e outros motivos están no pazo sadense de Meirás, os muíños (Bexo) que están caídos ou desapareceron e algúns hórreos e casas tamén mal conservados.
[16] Pero nisto teñen máis culpa as comunidades de montes, asociacións e veciños que o concello.

jueves, 30 de octubre de 2008

Os cruceiros de Bexo

O concello de Dodro conta cunha gran diversidade de cruceiros interesantes, un claro exemplo disto son, o do Avelán, cunha orixe misteriosa e que é o máis antigo de Galicia, ou o de Bustelo, cunha antiga utilidade funeraria, ambos desta parroquia (San Xoán de Laíño); pero agora ímonos centrar nos cruceiros da aldea de Bexo.
Bexo contou cun gran número de cruceiros non fai moitos anos, pero a desaparición dalgúns destes fixo quedar á aldea con só dous cruceiros significativos, xa que o da capela é de cemento, o do Cruceiro (vaia a redundancia) e o de Ignacio. Dous dos cruceiros desaparecidos eran o de Sabela, sito entre a pista que vai á igrexa (e ó cemiterio) parroquial e a pista que sobe da estrada ó comezo da aldea de Bexo, e o antigo cruceiro da capela de san Mauro, colocado no lado oposto a onde se atopa o actual, este era de pedra e por motivos que eu descoñezo cambiouse pola actual, tamén na Ermida ó lado da estrada había unha cruz de pedra que desapareceu, probablemente a levase alguén que pasou por alí.
Centrémonos agora nos dous que seguen en pé; comezaremos polo do Cruceiro situado no cruce entre a estrada AC-305 e a pista que vai para igrexa parroquial, ademais este cruceiro separa Bexo de Arriba de Bexo de Abaixo, e antes de que existise esta parte da aldea estaba na entrada a ela; o cruceiro comeza con catro banzos, saíndo do último a base da columna, de forma cadrada, con figuras estrañas na parte superior desta (arco no centro e cabeza na esquina) e con cadrados interiores nos 4 lados; desta base sae a columna de forma octogonal, aínda que na parte inferior é cadrada (con debuxos), cunha figura (probablemente o apóstolo Santiago) no plano suroriental e cun circulo e as letras SE debaixo; o remate da columna é octogonal e está adornado con elementos decorativos bastante comúns; deste sae a base da cruz que presenta unha forma coas partes inferior e superior iguais e a parte central máis delgada; a cruz é de tipo común, co Cristo no anverso e a Virxe no reverso.
O outro cruceiro é o de Ignacio, que se atopa na pista que vai para a igrexa parroquial (a mesma xunto á que está o do Cruceiro e á que estaba o de Sabela). O cruceiro tamén comeza con catro banzos, estando case soterrado de todo o primeiro; o último banzo soporta a base da columna, esta peza ten na parte sur a inscrición “DEBOCIÓN DE INACIO REI”, é cadrada (cunha forma especial, máis delgada no centro que nos extremos) e encaixa perfectamente co último banzo; a columna comeza cunha forma cadrada, con debuxos nos catro lados, para despois converterse en octogonal, tamén con debuxos en relieve nas partes S, E e O; o cruceiro non é o orixinal, pois este atópase no da igrexa parroquial de San Xoán de Laíño (con base semellante, o Cristo e a Virxe co neno e debaixo desta unha cabeza), este é o que tiña antes o da igrexa parroquial; a cruz presenta unha base adornada con elementos decorativos moi elaborados, mentres a cruz, de tipo pouco frecuente, ten no seu anverso ó Cristo crucificado só por unha man (a esquerda) mentres coa dereita agarra unha figura (probablemente o demo), no reverso ten unha imaxe que semella a dun bispo, aínda que tamén pode ser a Virxe coroada como Raíña.
Ambos cruceiros foron feitos a finais do século XIX e principios do XX, o do Cruceiro non se sabe cal foi o seu autor, mentres que o de Ignacio foi feito polo veciño desta aldea D. Ignacio Rei, polo que ten unha inscrición na súa honra. O de Sabela tamén debeu ser feito neste momento por unha veciña desta aldea chamada Sabela, e probablemente presentara unha inscrición similar á do de Ignacio, pero como non se conserva actualmente non se pode saber.

miércoles, 29 de octubre de 2008

A Aldea de Bexo


A aldea de Bexo é a máis extensa de todo o concello de Dodro, está situada no val da desembocadura do río Ulla, a unha altura case simétrica, Bexo esta algo máis arriba, da aldea de Vilar pertencente ó concello pontevedrés de Valga, o que lle permite ter unhas excelentes vistas dende calquera punto da aldea, vistas que van mellorando segundo subimos en altura sobre o nivel do mar, chegando nas murallas preto do monte do Carboeiro, a terceira altura do concello de Dodro, a disfrutar da mellor vista que se pode atopar do estuario do Ulla e unha das mellores da ría de Arousa. O ser un lugar tan privilexiado visualmente é o que lle da nome a esta aldea, nome que ven do verbo ver e aínda que se debería escribir con v probablemente os nosos antepasados o escribiran con b para diferenciar o nome da aldea do presente de indicativo deste verbo. A súa situación tamén puido influír no temperá asentamento humano en Bexo, segundo a mámoa da Paradegua os primeiros bexenses datan do inicio do Megalitismo polo 3500 a.C., poboación que na idade de ferro xa se tiña refuxiado na protección e vistas que lles proporcionaba o lugar onde se atopa o castro da Veiga de Abaixo ou murallas de Bexo e o monte do Carboeiro.
Bexo conta cun gran patrimonio natural como son as brañas, non tan exuberantes nesta aldea pero existentes; a insua de Bexo, a máis grande de todas as do río Ulla, coa gran diversidade de especies animais que alberga nas súas augas, robalizas, muxos,...; ou o illote de Espiñeira; iso pola parte do sur, no norte a nosa aldea conta cunha gran riqueza forestal con algúns carballos pero sobre todo con piñeiros e eucaliptos; e co monte do Carboeiro, xa no límite con Teaio. Ademais deste patrimonio Bexo conta cun gran patrimonio histórico e cultural; a xa mencionada mámoa da Paradegua, catalogada nos anos 70 polo arqueólogo Antón Rodríguez Casal, do tipo primitivo; as murallas; a capela de San Mauro, datada no século XVII e que segue en funcionamento, gardando no seu interior as imaxes de pedra, seguramente dende a súa construcción, de San Pedro, non esculpida totalmente sobre a lousa, e da Virxe do Belén, ademais dentro atópase tamén unha imaxe en madeira do patrón, San Mauro, de bastante idade; os cruceiros, o do cruceiro cunha figura na columna e o de Ignacio sen a súa verdadeira cruz, que se atopa no cruceiro da igrexa parroquial; e aínda que non contan con moita antigüidade cabe mencionar tamén os muíños de regato sitos no lugar do Rial. A todo isto habería que engadir os topónimos, lendas e tradicións da aldea.
Ademais o escritor e xornalista escocés de Cumberland Aubrey F.G. Bell, no seu libro “Galicia vista por un inglés” (Spanish Galicia), publicado no ano 1922, fala de Bexo na páxina 93 (segundo a miña edición da Biblioteca Galega de Clásicos Universais feita polo xornal La Voz de Galicia no ano 2005), mentres camiña dende Padrón ata as terras de Arousa polo camiño que era por aquela época a actual estrada AC-305 despois de pasar polas aldeas dodresas de Lestrove, Vigo , Castro e Imo, di: “ (...) e por último Bexo. Despois a estrada sobe entre montañas ermas cubertas de breixos e fentos. Dende o cume vese un curruncho da ría que, cercada coma un lago por montañas púrpura inzadas de breixos,...”, esto último referíndose á Paradegua comparándoa coas paisaxes de Cumberland ou Escocia, a súa terra natal.
Por todo isto Bexo debería ser moi coñecido no mundo enteiro, pero isto non é así, xa que esta aldea non é nada coñecida fora do ámbito comarcal (e aínda así...).



Hola son refoxeiro, e este é o meu blog (teño outro, pero é dunha asociación); no blog vou falar de moitas cousas, pero fundamentalmente da fermosa aldea na que vivo, Bexo, e do concello ó que pertence, Dodro. Espero que vos guste.