jueves, 30 de octubre de 2008

Os cruceiros de Bexo

O concello de Dodro conta cunha gran diversidade de cruceiros interesantes, un claro exemplo disto son, o do Avelán, cunha orixe misteriosa e que é o máis antigo de Galicia, ou o de Bustelo, cunha antiga utilidade funeraria, ambos desta parroquia (San Xoán de Laíño); pero agora ímonos centrar nos cruceiros da aldea de Bexo.
Bexo contou cun gran número de cruceiros non fai moitos anos, pero a desaparición dalgúns destes fixo quedar á aldea con só dous cruceiros significativos, xa que o da capela é de cemento, o do Cruceiro (vaia a redundancia) e o de Ignacio. Dous dos cruceiros desaparecidos eran o de Sabela, sito entre a pista que vai á igrexa (e ó cemiterio) parroquial e a pista que sobe da estrada ó comezo da aldea de Bexo, e o antigo cruceiro da capela de san Mauro, colocado no lado oposto a onde se atopa o actual, este era de pedra e por motivos que eu descoñezo cambiouse pola actual, tamén na Ermida ó lado da estrada había unha cruz de pedra que desapareceu, probablemente a levase alguén que pasou por alí.
Centrémonos agora nos dous que seguen en pé; comezaremos polo do Cruceiro situado no cruce entre a estrada AC-305 e a pista que vai para igrexa parroquial, ademais este cruceiro separa Bexo de Arriba de Bexo de Abaixo, e antes de que existise esta parte da aldea estaba na entrada a ela; o cruceiro comeza con catro banzos, saíndo do último a base da columna, de forma cadrada, con figuras estrañas na parte superior desta (arco no centro e cabeza na esquina) e con cadrados interiores nos 4 lados; desta base sae a columna de forma octogonal, aínda que na parte inferior é cadrada (con debuxos), cunha figura (probablemente o apóstolo Santiago) no plano suroriental e cun circulo e as letras SE debaixo; o remate da columna é octogonal e está adornado con elementos decorativos bastante comúns; deste sae a base da cruz que presenta unha forma coas partes inferior e superior iguais e a parte central máis delgada; a cruz é de tipo común, co Cristo no anverso e a Virxe no reverso.
O outro cruceiro é o de Ignacio, que se atopa na pista que vai para a igrexa parroquial (a mesma xunto á que está o do Cruceiro e á que estaba o de Sabela). O cruceiro tamén comeza con catro banzos, estando case soterrado de todo o primeiro; o último banzo soporta a base da columna, esta peza ten na parte sur a inscrición “DEBOCIÓN DE INACIO REI”, é cadrada (cunha forma especial, máis delgada no centro que nos extremos) e encaixa perfectamente co último banzo; a columna comeza cunha forma cadrada, con debuxos nos catro lados, para despois converterse en octogonal, tamén con debuxos en relieve nas partes S, E e O; o cruceiro non é o orixinal, pois este atópase no da igrexa parroquial de San Xoán de Laíño (con base semellante, o Cristo e a Virxe co neno e debaixo desta unha cabeza), este é o que tiña antes o da igrexa parroquial; a cruz presenta unha base adornada con elementos decorativos moi elaborados, mentres a cruz, de tipo pouco frecuente, ten no seu anverso ó Cristo crucificado só por unha man (a esquerda) mentres coa dereita agarra unha figura (probablemente o demo), no reverso ten unha imaxe que semella a dun bispo, aínda que tamén pode ser a Virxe coroada como Raíña.
Ambos cruceiros foron feitos a finais do século XIX e principios do XX, o do Cruceiro non se sabe cal foi o seu autor, mentres que o de Ignacio foi feito polo veciño desta aldea D. Ignacio Rei, polo que ten unha inscrición na súa honra. O de Sabela tamén debeu ser feito neste momento por unha veciña desta aldea chamada Sabela, e probablemente presentara unha inscrición similar á do de Ignacio, pero como non se conserva actualmente non se pode saber.

miércoles, 29 de octubre de 2008

A Aldea de Bexo


A aldea de Bexo é a máis extensa de todo o concello de Dodro, está situada no val da desembocadura do río Ulla, a unha altura case simétrica, Bexo esta algo máis arriba, da aldea de Vilar pertencente ó concello pontevedrés de Valga, o que lle permite ter unhas excelentes vistas dende calquera punto da aldea, vistas que van mellorando segundo subimos en altura sobre o nivel do mar, chegando nas murallas preto do monte do Carboeiro, a terceira altura do concello de Dodro, a disfrutar da mellor vista que se pode atopar do estuario do Ulla e unha das mellores da ría de Arousa. O ser un lugar tan privilexiado visualmente é o que lle da nome a esta aldea, nome que ven do verbo ver e aínda que se debería escribir con v probablemente os nosos antepasados o escribiran con b para diferenciar o nome da aldea do presente de indicativo deste verbo. A súa situación tamén puido influír no temperá asentamento humano en Bexo, segundo a mámoa da Paradegua os primeiros bexenses datan do inicio do Megalitismo polo 3500 a.C., poboación que na idade de ferro xa se tiña refuxiado na protección e vistas que lles proporcionaba o lugar onde se atopa o castro da Veiga de Abaixo ou murallas de Bexo e o monte do Carboeiro.
Bexo conta cun gran patrimonio natural como son as brañas, non tan exuberantes nesta aldea pero existentes; a insua de Bexo, a máis grande de todas as do río Ulla, coa gran diversidade de especies animais que alberga nas súas augas, robalizas, muxos,...; ou o illote de Espiñeira; iso pola parte do sur, no norte a nosa aldea conta cunha gran riqueza forestal con algúns carballos pero sobre todo con piñeiros e eucaliptos; e co monte do Carboeiro, xa no límite con Teaio. Ademais deste patrimonio Bexo conta cun gran patrimonio histórico e cultural; a xa mencionada mámoa da Paradegua, catalogada nos anos 70 polo arqueólogo Antón Rodríguez Casal, do tipo primitivo; as murallas; a capela de San Mauro, datada no século XVII e que segue en funcionamento, gardando no seu interior as imaxes de pedra, seguramente dende a súa construcción, de San Pedro, non esculpida totalmente sobre a lousa, e da Virxe do Belén, ademais dentro atópase tamén unha imaxe en madeira do patrón, San Mauro, de bastante idade; os cruceiros, o do cruceiro cunha figura na columna e o de Ignacio sen a súa verdadeira cruz, que se atopa no cruceiro da igrexa parroquial; e aínda que non contan con moita antigüidade cabe mencionar tamén os muíños de regato sitos no lugar do Rial. A todo isto habería que engadir os topónimos, lendas e tradicións da aldea.
Ademais o escritor e xornalista escocés de Cumberland Aubrey F.G. Bell, no seu libro “Galicia vista por un inglés” (Spanish Galicia), publicado no ano 1922, fala de Bexo na páxina 93 (segundo a miña edición da Biblioteca Galega de Clásicos Universais feita polo xornal La Voz de Galicia no ano 2005), mentres camiña dende Padrón ata as terras de Arousa polo camiño que era por aquela época a actual estrada AC-305 despois de pasar polas aldeas dodresas de Lestrove, Vigo , Castro e Imo, di: “ (...) e por último Bexo. Despois a estrada sobe entre montañas ermas cubertas de breixos e fentos. Dende o cume vese un curruncho da ría que, cercada coma un lago por montañas púrpura inzadas de breixos,...”, esto último referíndose á Paradegua comparándoa coas paisaxes de Cumberland ou Escocia, a súa terra natal.
Por todo isto Bexo debería ser moi coñecido no mundo enteiro, pero isto non é así, xa que esta aldea non é nada coñecida fora do ámbito comarcal (e aínda así...).



Hola son refoxeiro, e este é o meu blog (teño outro, pero é dunha asociación); no blog vou falar de moitas cousas, pero fundamentalmente da fermosa aldea na que vivo, Bexo, e do concello ó que pertence, Dodro. Espero que vos guste.