viernes, 18 de septiembre de 2009

Xacemento arqueolóxico máis antigo de Dodro

Dende sempre se consideraron os petroglifos de Bouza Abadín (Imo) como o xacemento arqueolóxico máis antigo do concello de Dodro, e como o máis antigo en probar o asentamento de persoas nas terras deste concello. Pero esta é unha afirmación errónea, xa que os petroglifos son da Idade do Bronce (1500 -600 a.C.), e existen en Dodro xacementos arqueolóxicos do Megalitismo (4000 -2500 a.C.), o último período do Neolítico (momento no que o home se asentou e comezou a practicar a agricultura e o pastoreo); desta época son as catro mámoas da Paradegua, sitas na aldea de Bexo, e a mámoa do Mina de Balouta, sita en Laíño ó sur da Fonte Primeiral. A seguinte época prehistórica, a Idade co Cobre ou Calcolítico, tamén deixou restos en Dodro, o Xacemento do Riasós, sito enfronte á do Deza, e que é un xacemento subterráneo, non se podendo diferenciar restos arqueolóxicos na superficie. Pero incluso a Idade do Bronce, na que se sitúan os petroglifos, deixou en Dodro máis restos que Bouza Abadín, como son os petroglifos de Lomba das Pozas en Bustelo, os do Padronelo (un en Bexo e outro en Imo), o de A Cabaña/Bouza Nova en Manselle, e os de A Carga e Outeiro dos Corvos en santa María de Dodro; podendo ser calquera destes petroglifos máis antigo que o de Bouza Abadín. Cabe dicir que moitos destes xacementos son moi descoñecidos o que axudou a este erro.