lunes, 3 de mayo de 2010

Os nosos devanceiros

Este ano vou escribir sobre os primeiros poboadores destas terras que actualmente conforman a aldea de Bexo. Pero antes quero corrixir un erro moi espallado e que actualmente aínda figura en publicacións, cal é o xacemento máis antigo de Dodro.
Dende sempre se consideraron os petroglifos de Bouza Abadín (Imo) como o xacemento arqueolóxico máis antigo do concello de Dodro, e como o máis antigo en probar o asentamento de persoas nas terras deste concello. Pero esta é unha afirmación errónea, xa que os petroglifos son da Idade do Bronce (1500 -600 a.C.), e existen en Dodro xacementos arqueolóxicos do Megalitismo (4000 -2500 a.C.), o último período do Neolítico (momento no que o home se asentou e comezou a practicar a agricultura e o pastoreo); desta época son as catro mámoas da Paradegua, sitas na aldea de Bexo, e a mámoa de Mina Balouta, sita en Laíño ó sur da Fonte Primeiral; no actual catálogo arqueolóxico do concello de Dodro figura tamén a mámoa número catro do Monte Picoto (Burés), situada xusto na fronteira entre Dodro e Rianxo, pero na zona rianxeira. A seguinte época prehistórica, a Idade co Cobre ou Calcolítico, tamén deixou restos en Dodro, o Xacemento do Riasós, sito enfronte á do Deza, e que é un xacemento subterráneo, non se podendo diferenciar restos arqueolóxicos na superficie. Pero incluso a Idade do Bronce, na que se sitúan os petroglifos, deixou en Dodro máis restos que Bouza Abadín, como son os petroglifos de Lomba das Pozas en Bustelo, os do Padronelo (un en Bexo e outro en Imo), o de A Cabaña/Bouza Nova en Manselle, e os de A Carga e Outeiro dos Corvos en santa María de Dodro; podendo ser calquera destes petroglifos máis antigo que o de Bouza Abadín. Cabe dicir que moitos destes xacementos son moi descoñecidos o que axudou a este erro.
Como se dixo anteriormente os xacementos que dan mostrar da residencia máis antiga en Bexo son as mámoas da Paradegua, catro túmulos que se sitúan na Casilla ou Paradegua, no fondo que hai á esquerda (dende Bexo) da estrada AC 305, entre a actual Autovía do Barbanza (AG 11) e o cortafogos dos cables de alta tensión que cruzan a estrada algo máis adiante; as mámoas 1 e 2 atópanse no agro de fincas chamado O Tombo, ambas abarcando catro leiras na súa parte máis alta, a número 3 está situada en dúas fincas grandes que hai xunto ó agro de fincas de Campelos na marxe dereita do camiño que baixa cara as fincas desta zona dende a estrada, mentres a número 4 se atopa xusto enfronte, noutra finca grande comunmente chamada “Agro do Manco”. A estas mámoas habería que adherirlles as once do Monte Picoto, situadas no Alto da Paradegua na aldea rianxeira de Burés, xa que neste momento non había fronteiras territoriais e os pobos que as construíron podían vivir nun lugar ou outro.
O seguinte período prehistórico, o Calcolítico ou idade do Cobre, momento no que se introduce a transformación do metal, deixou no Bexo xeográfico, que vai dende o Alto da Paradegua ata o “Rego dos Sollos” no actual Imo, un resto, o Xacemento do Riasós, que ó ser subterráneo é difícil saber a súa utilidade, se é que a tivo. A Idade do Bronce deixou en Bexo o petroglifo número dous do Padronelo, sito preto das Murallas, arriba do “mirador”, á nunhas mas marxes do camiño que sube dende el cara o monte.
Despois viría a Idade do Ferro, coa cultura castrexa, que deixou en Bexo un castro, tamén chamado Murallas, actualmente bastante grande e desfeito, pero que seguramente o fora aínda máis no seu momento de apoxeo; xunto a este castro estarían o de Foxacos (Araño, Rianxo) e outro máis pequeno, que ou foi castro antigo de Bexo, ou foi unha factoría das Murallas, pola súa proximidade a el, está nun montículo ó lado da pista que vai a Teaio xunto ás Murallas; este e o de Foxacos dependían, con total seguridade, do castro de Bexo. O castro de Bexo presenta casas cadradas, o que é sinónimo de romanidade, pero seguramente había un castro anterior á conquista romana.
Coa conquista romana éntrase na Idade Antiga, que ademais das paredes cadradas nas Murallas deixou, no lugar do Bico, un xacemento subterráneo, non visible por tanto, que probablemente estea vinculado con actividades portuarias ou de explotación do río Ulla. Para o medievo non contamos con restos, pero como expoñía o ano pasado, probablemente existiu unha villa que recollera ós habitantes das Murallas, traballando as terras de cultivo da aldea, e que sería o antecedente do posterior Coto de Vejo de época moderna citado no Catastro de Ensenada (1749 -53).
A partir deste momento xa está documentada a residencia de persoas na aldea, con restos materiais, como as casas antigas existentes na aldea ou a capela de san Mauro (datada no século XVII), ou con documentación como o Catastro de Ensenada, que fala do Coto de Vejo; mentres a época contemporánea nos deixaría, ademais de casas, os cruceiros, os muíños e o lavadoiro como restos máis importantes.
Todo isto mostra que a actual aldea de Bexo estivo ocupada dende o Megalitismo, case o momento de sedentarización da humanidade; ocupación que non se rompería en ningún momento dende este, polo que Bexo levaría existindo, ininterrompidamente, como núcleo de poboación, uns 5000 anos.