miércoles, 6 de julio de 2011

Santa María de Dodro

As terras que actualmente ocupa a parroquia de santa María de Dodro levan habitadas dende a Idade do Bronce, que nos deixou por estes lares os petroglifos de A Carga e do Outeiro dos Corvos. En época castrexa seguían habitadas, como así nolo demostran os castros de Monte Xián e o da Ermida, así como o xacemento de Pedra Redonda; estes dous poboados castrexos deberon seguir habitados trala conquista romana. Uns séculos despois, no transito entre a Idade Antiga e a Media, construíuse no monte Vilar unha asentamento fortificado, ou reefortificouse un castro preexistente, coñecida como Castelo de Monte Vilar, que sería descuberto e catalogado por Manuel Murguía no seculo XIX.


No Antigo Réxime esta parroquia conformou o Coto de Dodro e Lestrove, que era un couto redondo dependente do marqués de Bendaña, dono do pazo de Vigo e veciño da cidade de Santiago de Compostela. Previsiblemente antes de estar baixo a autoridade do marqués de Bendaña estivera baixo a xurisdicción (ou polo menos estaba relacionado con el) do Coto e Casa de Dodro e Oíns, da parroquia arzuana de santa María de Dodro, de onde sairían a adopción do topónimo Dodro e do patronazgo mariano por estes lares. A relación entre estes dous coutos esta demostrada polo Catastro de Ensenada, e persistiu incluso cando Dodro era un señorío do marqués de Bendaña.

Os límites do Couto de Dodro e Lestrove non son coñecidos ó cen por cen, pero serían moi parecidos ós que actualmente ten esta parroquia, comprendendo, segundo o Censo de Floridablanca de 1783, os lugares de Dodriño, Revixós, Lestrove, Susavila e Vigo; a súa poboación rondaba as 750 persoas. Segundo o Catastro de Ensenada (1752) no couto residían un fidalgo, Don Gregorio de Hermida y Luazes, dono do pazo da Ermida de Lestrove, e Don Joseph Ximenez, que tiña tratamento de Don pero non era fidalgo; e un gran grupo de forasteiros empadrodados na parroquia, pero non residían nela, entre estes detacaba o señor do Couto, o Marqués de Bendaña.

Durante os séculos XVI, XVII e XVIII asentaranse no territorio desta parroquia dúas familias fidalgas, deixando os seus pazos como vestixio desa época; os marqueses de Bendaña, señores do couto, construiran un pazo en Vigo, pero seguiran vivindo en Santiago, pola súa banda os Ermida asentaranse en Lestrove, construíndo o pazo de Ermida. No século XVI construirase o pazo de Lestrove, propiedade do cabildo compostelá, que será reedificaco no século XVIII pasando a ser residencia veraniega dos arcebispos composteláns; este pazo será desamortizado, pero despois duns anos nas mans dunha veciña de Lestrove volverá ás mans da mitra compostelá. Por último en 1718 comeza a reedificación da igrexa parroquial, que chegará ata os nosos días.

Coa chegada do liberalismo trala invasión napoleónica a principios do século XIX, e a aparición dos concellos constitucionais esta parroquia convértese no concello de Lestrove, dentro do partido xudicial de Padrón. Este concello será suprimido, e o 7 de xuño de 1836 únese coas parroquias de Laíño, san Xoán e san Xián, para conformar un concello, Dodro, ó que lle dará nome e onde se situará a capital municipal ata 1900, que se traslada a Tallós, onde se constrúe a actual casa consistorial en 1906, primeiro en Lestrove e despois en Vigo.

Dende este momento esta parroquia deixará de ser un couto redondo e pasará a ser só unha parroquia máis de Dodro, converténdose na máis poboada do concello, ó que lle dará tamén algún alcalde, como D. Benigno Baleirón Pérez (1932 -1936), que era de Revixós. Ademais aparecerán os núcleos de A Igrexa e de Cancela Abrea.