sábado, 15 de octubre de 2011

Mámoas da Paradegua

As mámoas, dolmens, antas, cistas ou arcas (como tamén son coñecidas estas) son os primeiros enterramentos coñecidos en Galicia e na gran maioría da Europa atlántica, así como os primeiros lugares “conscientes” de enterramento feitos polo home. Destes hai grandes mostras en Galicia, onde abundan as áreas megalíticas, como a da Costa da Morte, que é moi grande; pero aquí tamén hai unha algo máis pequena, e que abarca as mámoas da Paradegua en Bexo, as mámoas do Monte Picoto en Burés (no Alto da Paradegua xusto no límite municipal entre Dodro e Rianxo), as da Bacariza, as de Os Campiños e Cuncha Vieira en Leiro e as do Monte de Pena en Asados.


Dende sempre se consideraron os petroglifos de Bouza Abadín (Imo) como o xacemento arqueolóxico máis antigo do concello de Dodro, e como o máis antigo en probar o asentamento de persoas nas terras deste concello. Pero esta é unha afirmación errónea, xa que os petroglifos son da Idade do Bronce (1500 -600 a.C.), e existen en Dodro xacementos arqueolóxicos do Megalitismo (4000 -2500 a.C.), o último período do Neolítico (momento no que o home se asentou e comezou a practicar a agricultura e o pastoreo); desta época son as catro mámoas da Paradegua, sitas na aldea de Bexo, e a mámoa do Mina de Balouta, sita en Laíño ó sur da Fonte Primeiral.

Nesta redacción ímonos ocupar das mámoas da Paradegua, que como se dixo anteriormente están na aldea de Bexo, máis concretamente na Casilla ou Paradegua, no fondo que hai á esquerda (dende Bexo) da estrada AC 305, entre a actual Autovía do Barbanza (AG 11) e o cortafogos dos cables de alta tensión que cruzan a estrada algo máis adiante.

As mámoas 1 e 2 atópanse no agro de fincas chamado O Tombo, ambas abarcando catro leiras na súa parte máis alta; a número 3 está situada en dúas fincas grandes que hai xunto ó agro de fincas de Campelos na marxe dereita do camiño que baixa cara as fincas desta zona dende a estrada; mentres a número 4 se atopa xusto enfronte, noutra finca grande comunmente chamada “Agro do Manco”. O camiño cara a estas dúas últimas é o que se menciona, mentres para as 1 e 2 hai que coller o da “Forestal”, e deste unha ramificación que baixa cara o agro do Tombo e prosigue cara o oeste.

Tanto a mámoa nº 1 como a nº 2 están a pouca distancia do camiño que transita pola parte máis alta do Tombo, ademais de estar separadas entre si por unha distancia aproximada de 47 metros. Ámbalas dúas están cubertas por bastante vexetación, ó igual que as fincas que as rodean, aínda que non é difícil acceder a elas, pero si é complicado ir dunha a outra atallando polo medio das fincas, sendo mellor acceder dende o camiño. En canto á súa forma, semellan uns outeiros de pouca altura cunha dimensión considerable, a que a simple vista só se pode apreciar o túmulo de terra, que agocha no seu interior o dolmen no que se soterraban as persoas, e que á súa vez está soterrado baixo o nivel do chan, así como algunha pedra da coiraza pétrea exterior da mámoa; esto é a proba da boa conservación que teñen, xa que non presentan ningunha proba de violación ou destrucción.

A mámoa nº 3 atópase na marxe dereita do camiño que vai dende a estrada para as leiras de monte desta zona;

Mentres que a mámoa nº 4 se atopa no “Agro do Manco”, enfronte da número 3; actualmente atópase cuberta por maleza e, sobre todo, toxos

Cabe dicir para rematar que estas mámoas foron catalogadas, xunto coas do seu entorno (Monte Picoto, Bacariza e Campiños), nos anos 70 por un equipo de arqueólogos entre os que se atopaba Antón Rodríguez Casal, actualmente o maior especialista galego no Megalitísmo e Fernando Acuña Castroviejo, un dos arqueólogos galegos máis importantes do momento.