lunes, 30 de enero de 2012

O Topónimo Paradegua

O lugar de A Paradegua, hoxe en día comprende a zona entre o núcleo da aldea de Bexo e o Alto da Paradegua, no límite entre os concellos de Dodro e Rianxo, aínda que hai quen o extende ata o núcleo rianxeiro de Burés. Neste lugar, só a parte dodresa, podemos atopar varios xacementos arqueolóxicos, as catro mámoas de Bexo, identificadas con este topónimo, Paradegua, e o castro de Bexo; a estes xacementos poderíanselle unir as mámoas do Monte Picoto sitas no Alto da Paradegua, o Araño a uns centos de metros do castro de Bexo, do que posiblemente dependera. A Paradegua é unha zona montañosa, cun val, no que se  sitúan as mámoas de Bexo, non moi amplo e que case non ten superficie que estea totalmente plana.
A orixe do topónimo Paradegua ten varias explicacións, dende que era o lugar no que paraban as eguas que subín cara as terras de Rianxo e o Barbanza, ata que neste lugar era onde eran fecundadas as eguas polos cabalos da zona, gabados polos romanos (esta teoría non a desbotaría tan facilmente). Pero a teoría máis recente, exposta no libro Os nomes na auga. Toponimía de Dodro e Laíño e defendida nalgún documental polo seu autor, refire que este topónimo provén dunha pedra (do latín Para) das eguas, un gran petróglifo perdido no que se representaban cabalos e eguas. Aqui tentarei darlle unha volta a esta teoría.
A posible existencia dun gran petróglifo no que se representaran eguas ou cabalos non sería algo descabellado a priori, pero que dese gravado non quede na actualidade nada máis que o topónimo desbotaa case totalmente, xa que parece moi raro que sobrevivirán as catro mámoas, sobre todo a 1 e 2 que aínda conservan a súa forma tumular, a pesar do descoñecemento por parte dos veciños da súa existencia, e sendo nalgún caso, como pasa coa número 1 un certo estrobo no nivel do terreo, que primeiro sube e despois descende abruptamente, o que unido a que ate finais do século XIX esta mámoa tiña un só dono, resulta raro que non se levaran a cabo intentos de aplanar o terreo. Aínda que non había unha constancia da existencia destes túmulos, si o debeu de haber en tempos, dado que o lugar no que se sitúan as mámoas 1 e 2 recibe o nome de O Tombo.
O outro gran xacemento da zona é o castro de Bexo, que a pesar do inteso saqueo de pedra que sufríu dende o século XIX, aínda garda algún muro, a vinculación popular cos mouros e o topónimo As Murallas co que se nomeaba o lugar, pero  ó contrario que coas mámoas a xente maior si coñecía a súa existencia.
Que estes dous xacementos, que antes da reforestación dos montes e do expolio da pedra serían bastante visibles, ó poderse apreciar a forma dos túmulos e os muros castrexos, algo que sucedería no momento no que xurdiu o topónimo Paradegua, algo non posterior á Idade Media; pero que non quede nada da Pedra das Eguas converte a súa posible existencia  nunha quimera, sobre todo cando en Bouza Badín continuaron alí os petróglifos, aínda que existen marcas do frustrado intento dalgún canteiro de extraer pedra nesas rochas. Ademais para que a xente se fixara máis neste petróglifo que nos dous castros (Bexo e Foxacos), un deles, o de Bexo, posiblemente de grandes dimensións, e nas quince mámoas ( as 4 da Paradegua e as 11 do Monte Picoto), todos moito máis fáciles de apreciar que unha rocha pousada no chan, provoca que esta rocha tivera unhas dimensións extraordinarias, ou que se atopara nun lugar do camiño moi singular, podendo ser tamén unha referencia para a xente que ía por el, ambas as dúas pouco probables.
Outra opción para Pedra das Eguas podería ser unha rocha grande e moi visible que tivera a forma dun cabalo ou unha egua, e que incluso estivera ligada a algún ritual pre- romano. Neste caso sería Pedra da Egua.