miércoles, 24 de diciembre de 2014

Tregua de Nadal

Fai hoxe 100 anos en diversos puntos da fronte occidental da I Guerra Mundial, os soldados alemáns, sitos nun dos lados da fronte, e os soldados británicos e franceses, sitos no outro lado celebraosn estas festas cunha tregua na guerra, non oficial e non consentido polos altos mandos dos diferentes exércitos belixerantes.
Todo comezou na tarde do 24 de xaneiro, cando se comezaron a cantar panxoliñas entre as trincheiras dos dous exércitos, para pasar despois a un irmanamento entre ambos, algo que conlevou dende brindis con bebidas alcólicas, invitacións á trincheira rival, fotos de grupo con soldados de ambos exércitos, e ata diversos partidos de fútbol, dos que se sabe o resultado dun, victoria para Alemaña por 2-1 (xa entón o fútbol era un deporte no que sempre gañaban os alemáns).
Este foi un claro exemplo de que era unha guerra das elites e non do pobo, ademais de ser un momento de racionalidade entre toda a loucura e a barbarie que foi a I Guerra Mundial.

lunes, 10 de noviembre de 2014

Caída do muro de Berlín

Este domingo fixo exactamente 25 anos que caeu, mellor dito tiraron, o muro de Berlín, que separou durante 28 anos as partes occidental (RFA) e oriental (RDA) da capital alemana. Este feito marcou a fin da Guerra Fría.
O muro fora construído en 1961 por parte das autoridades da República Democrática Alemana (RDA) para impedir que a poboación escapara á República Federal Alemana (RFA) a través de Berlín, pechando ós alemáns orientais no seu "paraíso comunista".
Durante os anos seguintes moitas persoas que tentaron cruzar o muro faleceron ou foron asasinados no intento.
O 9 de novembro de 1989, cando xa se podía percibir o fin do réxime comunista na Alemaña oriental e a unificación das dúas Alemañas, dimitiu o goberno da RDA, e na rolda de prensa na que anunciaron a dimisión anunciaron que se aprobara a autorización, a todo aquel que quixera, de cruzar o muro, ademais de cometer o erro de dar a entender que o muro xa non era necesario, ó igual que a fronteira entre ambas Alemañas. Isto provocou unha avalancha de persoas a un lado e outro do muro, unhas para cruzalo e outras para recibir a quen o cruzara.
Despois de que os gardas fronteirizos da RDA conseguiran a duras penas evitar o desmantelamento e a apertura das barreiras fronteirizas, sobre a medianoite alguén comezou a golpear a muro cun martelo para abrir un boquete nel; a este unironse outros e así caeu o muro de Berlín.

miércoles, 29 de octubre de 2014

A Veiga de Abaixo

No lugar de Bexo, preto do río Ulla, hai un xacemento arqueolóxico romano de subsolo, non se aprecian restos na superficie; coñecido como A Veiga de Abaixo, GA15033007. Na zona atopanse restos de tégula galaico- romana (tella) e apreciase un crecemento desigual no millo cultivado na zona, o que soe indicar a existencia de estructuras soterradas.
Pola súa cercanía ó río e á insua de Bexo, podería tratarse dun porto de época romana ou algunha estructura similar, dado que posiblemente nese momento a liña de costa estivese máis adentro e crearíase na zona un embarcadeiro amplo protexido pola insua.

martes, 23 de septiembre de 2014

A escravitude en América

A raíña Isabel I de Castela (e España), máis coñecida como a católica, si prohibiu a escravización dos indixenas americanos, algo que deixou especificado no seu testamento. O motivo disto era que estas persoas podían ser cristianizadas, un dos fins da conquista americana, e sobre todo, porque eran subditos da coroa hispana, ó igual que calquer outro veciño dos reinos peninsulares.
Si é certo que se produxeron abusos e traslados forzosos de "indios", e incluso se outorgaron indixenas a colonizadores españois mediante a encomenda, que tiña un certo aroma a escravitude, principalmente nos primeiros anos. Pero a realidade é que estes eran persoas libres, non propiedade dos españois, senón que responsabilidade súa.
No relativo ó traballo nas minas, nomeadamente, no Virreinato do Perú, o que se utilizou foi a mita, un imposto en horas de traballo que os residentes no Tahuantisuyu (o Imperio Incaico) debían pagar ó Inca (o soberano deste imperio); se ben é certo que se "subiu" este imposto.
Para comprobar isto basta con ver a película The Mission (La Misión) na que se pode apreciar a diferenza entre vivir en territorio español, onde estaba prohibida a escravitude dos indixenas, ou portugués, onde esta se permitía.
Pero si existiron os abusos a estas persoas, algo que denunciaron varios colonos españois, como Bartolome de las Casas; algo que foi perseguido pola Coroa, pero a distancia e os intereses dos gobernantes en América fixeron que isto non dera moitos froitos.
A isto habería que engadir que os territorios americanos (e Filipinas) non eran colonias, senón territorios de ultramar, iguais ós peninsulares, como está reflectido na 1ª Constitución española, a de Cádiz de 1812 (a Pepa), que define a Nación española como "a reunión dos territorios de ambos hemisferios", e lle outorga a nacionalidade os veciños destes territorios, coa excepción dos descendentes dos escravos negros, "sangue africana", feito para que non houbera máis cidadans en ultramar que na peninsula, e que na practica non se levou a cabo totalmente, xa que durante o breve tempo que estivo en vigor esta constitución chegaron a votar negros.
Ó caso español habería que antepoñer os casos portugués, francés e británico. Portugal permitia a que se escravizara ós indixenas e se comerciara con eles. Os casos francés e británico baseouse na non integración destes e a súa expulsión forzosa das súas terras para darllas a colonos europeos. Isto foi a política seguida por Estados Unidos dende a súa fundación, utilizando incluso a forza contra eles, recluindoos en reservas e non outorgándolles a cidadanía, algo que sucedeu en 1924.

viernes, 29 de agosto de 2014

A (Santa) Compaña en Dodro

A Compaña, como realmente se denomina a esta, sen o apelativo de “Santa”, e as relacionadas cos meigallos e as meigas; temas sobre os que se pode escribir moito nestes lares. Comezaremos pola Compaña, que sería a procesión das ánimas en pena, da parroquia, que anda, de noite, polos camiños, e que si che ve corres o perigo de que che recruten como portador da cruz e a auga bendita. Nun dos talleres, o de Imo, déronnos unha posible explicación para este fenómeno en Dodro, nela dise que a compaña sería unha invención feita polos contrabandistas para ocultar o estraperlo que facían entre Ribeira e Santiago, nunha ruta que atravesaría o noso concello pasando pola Cruz do Avelán (cruceiro de capela relacionado con visión desta procesión); o engano consistiría en enviar diante do contrabando a dúas persoas vestidas de pantasmas e a outra tocando unha campá para asustar á xente e que ninguén se acercara ó camiño polo que ían. Esta explicación tamén serviría para xustificar a práctica desaparición das visións da Compaña dende a chegada do alumeado público.
O certo é que si que había moitas confusións con xente que camiñaba na escuridade coa luz dun farol ou dun fachón (facho feito con palla), sirva de exemplo que cando os veciños de Imo vían unha luz así en Cordeiro (ao outro lado do Ulla) crían que andaban por alí estas ánimas, e cando os de Cordeiro as vían en Imo pensaban que estaba aquí. Amais dos farois ou fachóns o reflexo da Lúa na auga tamén podía producir o engano, como seguramente pasaba en Revixós coa fonte do Cebreiro, situada xunto ó nacente río san Lufo, na sempre se vía unha luz ás noites, pero cando a xente ía alí non atopaban nada; a crenza, que aínda hoxe segue infundindo respecto aos veciños da zona, viría dada polo suposto afogamento dunha persoa neste lugar. De afogados é asimesmo o laio, pola tardanza dun home que se ía ir tirar ó río, provinte do río de Manselle na Braña, que se oíu nunha noite de tormenta.
Este medo ós seres do máis alá e aos sons raros era aproveitado por algunhas persoas, polo que se xogaba con el, para gastar bromas, a outros, como os que viñan das festas a andar polo monte, ían ó muíño, ou calquera outra persoas que andara de noite, momento no que se facían estas bromas, polos numerosos camiños escuros; algunhas desta bromas merecen a pena ser contadas, como a que fixo crer ós seus acompañantes que algo viña en dirección a eles, ou na que fan crer a un home que un morto, situado na casa da fábrica da igrexa de san Xoán de Laíño, se levantara.

Nisto habería que engadir o medo ós ataúdes, que antigamente había que ir buscar a Padrón ou outros sitios, e se traían ó lombo entre varias persoas ou no autobús de liña. Con isto téñense producido numerosas anécdotas, coma a do home que volvía dunha festa e se topou cun ataúde no medio do camiño e dúas persoas, descansando da viaxe con el, nos lados e escapou aterrado do lugar,  ou o que se meteu dentro dun que ía no teito do autobús porque chovía, e cando sacou a man para ver se aínda o seguía facendo asustou a todos os ían no teito. Pero tamén se teñen producido outras como a caída dun defunto da caixa na o levaban.

lunes, 28 de julio de 2014

I Guerra Mundial 2

Tal día coma hoxe, fai exactamente 100 anos, comezaba a I Guerra Mundial, ó declararlle o Imperio Austrohúngaro a guerra a Serbia, ó esta no ser capaz de cumplir o ultimato feito por Austria -Hungría a este país como represalía pola colaboración serbia no asasinato do arquiduque Francisco Fernando un mes antes. 
A partir deste momento comezaría a a cadea de declaracións mutuas de guerra desencadeada polas alianzas internacionais existente en Europa nese momento.

sábado, 28 de junio de 2014

I Guerra Mundial 1

Fai hoxe 100 anos o nacionalista serbio Gavrilo Princip, membro da organización Mano Negra, asasinou, con senllos disparos, ó arquiduque Franz Ferdinand (Francisco Fernando), herdeiro do Imperio Austro -Húngaro, e á súa esposa Sofía Chotek, en Sarajevo durante unha visita da parella imperial a esta rexión do imperio. Uns minutos antes xa sufriran outro atentado falido.
Este feito illado colevaría o inicio da "Guerra que ía rematar con todas as guerras", a I Guerra Mundial (ou Guerra Mundial parte 1), o primeiro conflicto aramdo en Europa occidental dende a guerra franco -prusiana de 1871. Coflagración armada perseguida dende pouco despois a anterior, o que levou á creación de dúas grandes alianzas, a Triple Alianza (Alemaña, Austria -Hungría e Italia, que despois se cambiará de bando) e a Triple Entente (Francia, Rusia e Gran Bretaña), e que se pensaba so ía durar días semanas, ou algún mes, pero que acabaría durando máis de catro anos e que se levaría as vidas de millóns de persoas, tanto militares coma civís.
Esta guerra marcaría un punta de inflexión na Historia do mundo, nada sería igual dende este momento.
Foi a úlitma guerra do século XIX e a primeira do XX, ou mellor dito "unha guerra do século XIX no século XX".

sábado, 31 de mayo de 2014

viernes, 25 de abril de 2014

Os celtas

O pasado mes de febreiro celebrouse en Boiro unha nova edición dos Encontros Arqueolóxicos do Barbanza, nos que houbo unha conferencia sobre o mito celta. Neste relatorio desmentíase unha boa parte do que sabemos dos celtas, pero quizais o máis importante sexa a "desceltización" de Galicia que se facía nel. Pois ben, un bo número de persoas saíu da conferencia desilusionada con esta e reafirmando o falso celtismo galego.
Para tentar por luz neste asunto vou escribir esta entrada do meu blog.
Os celtas foron un pobo centroeuropeo, os xacementos arqueolóxicos máis importantes (e os únicos plenamente celtas) desta cultura son Hallstatt (Austria) para a primeira época da Idade do Ferro e, principalmente, La Tène (Suiza) para a seguna época da Idade do Ferro. Dende estas ubicacións extenderíanse por toda Europa occidental, ou causarían algunha influencia nas culturas autóctonas desta zona. Pero en ningún caso representarían un algo diferente, senón que sería unha cultura zonal (como o Megalitismo atlántico no Neolítico). Sobre estes pobos xa escribiron os gregos, que os chamaban Keltoi, de aí o seu nome actual.
O mito nacería no século XIX cando comezaron a aparecer vestixios arqueolóxicos moi similares en distintas zonas do occidente europeo coas atopadas en centroeuropa. Nesta época non se diferenciaba entre Megalitismo, Idade do Bronce e Idade do Ferro, a pesar que hai miles de anos entre estes períodos.
En Galicia apareceu a finais do XIX de mans de Murguía e Vicetto, para os que era da mesma época unha mámoas, un petróglifo e un castro, co fin de coverter esta cultura nun diferenciador de Galicia co resto de España, idea que adoptaría o nacionalismo galego ata os nosos días.
Pero na actualidade, onde xa coñecemos as diferencias cronolóxicas dos distintos tipos de xacementos, e despois de realizadas moitas escavacións arqueolóxicas, non se atopa esta suposta celtización galega, si que aparecen materiais celtas, pero tamén aparecen doutras culturas (cartaxineses, gregos, fenicios...), polo que é moi probable que se deban ó comercio e non a unha dominación celta de Galicia. Por isto na actualidade coñécese a Idade do Ferro galega como "Cultura Castrexa", polos castros, os lugares habitacionais desta época.
Ademais o mito da excepcionalidade galega con respecto a España non sería tal, dado que todo o norte peninsular sería celta, incluidas Castela, Navarrra e Aragón que son o berce da actual España dende a Reconquista. Por outro lado na actualidade é máis exclusiva con respecto a outros territorios a cultura castrexa, que é propia de Galicia e zonas limítrofes ( a antiga Gallaecia romana), que a celta que sería por unha invasión e non é propia de Galicia.

viernes, 21 de marzo de 2014

Cultura Xeral I

Hoxe inauguro unha sección dende a que tentarei, de vez en cando, desmentir diversos erros históricos.
O pasado martes vin un documental na 2, "Jesús, caso abierto", realizado pola BBC no que remataba igualando o antisemitismo irradiado polo Novo Testamento en relación á culpabilidade dos xudeus na crucifixión de Xesús, co antisemitismo que desembocou no Holocausto nazi.
Nada máis lonxe da realidade, o antisemitismo neotestamentario si existiu, durante a Idade Media principalmente, pero a un nivel máis do pobo, non do estatal, e vinculado coa súa relixiosidade (o caso do neno de La Guardia); xa que o estatal estaba tamén vinculado co poder económico dos xudeus, aínda que a uniformidade relixiosa xogou un papel neste antisemitismo, ó igual que o xogou na época das Reformas Protestantes. Por outro lado o antisemitismo nazi non ten nada de relixioso, un xudeu seguía sendo xudeu por moito que se convertera ó cristianismo, é máis un cristián con algún dos seus pais ou avós xudeus era considerado xudeu (agás o posible caso de Hitler), polo que ó factor económico se sumaba o factor racial e étnico (supremacía da raza aria), pero tamén influíu a teoría da "puñalada pola espalda" esgrimida polo Alto mando militar alemán, e por parte da propia sociedade alemana, para explicar a derrota alemana na I Guerra Mundial (Alemaña rendeuse sendo unha nación ocupante, non ocupada), puñalada que supostamente lle derán os xudeus. Todo isto creou o coctel que crearía o racismo e antisemitismo do III Reich.
O antisemitismo non nace co Novo Testamento, senón que xa existía de antes. Deixando a un lado á mítica esclavitude xudea no Exipto do Éxodo (relato considerado na actualidade non histórico, podería terse baseado na expulsión dos hicsos por Amosis I, pero estes eran invasores, non esclavos ou servos), pódese afirmar que este nace no século VIII aC (despois de que existirán os reinos xudeus de Judá e Israel) cando o rei babilonio Nabucodonosor II deporta a Babilonia ós xudeus e lles prohibe profesar a súa relixión. En época romana tamén existiría este antisemitismo antes da conversión de Roma ó cristianismo, non hai máis que recordar a toma de Xerusalén por Tito coa destrucción do Templo no ano 70 e a expulsión dos xudeus de Israel por Adriano no 135; diáspora que durou ata finais do século XIX coa aparición do movemento sionista, e que convertíu ós xudeus en apátridas, moitas veces vapuleados, ata o nacemento do Estado de Israel no ano 1948.

jueves, 27 de febrero de 2014

A belicosidade castrexa

A seguinte comparativa sobre a belicosidade das poboacións castrexas  vaise facer a partir dos libros dos arqueólogos Francisco Calo Lourido, A cultura castrexa e Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia, e José Manuel Caamaño Gesto, A cultura castrexa. Economía, sociedade, relixión e arte, o tomo IV de “A Gran Historia de Galicia”.
Francisco Calo Lourido no seu libro a cultura castrexa, do ano 1993, di con respecto a esta, suposta belicosidade castrexa, que non existe, xa que non hai restos materiais que corroboren esta suposición, a pesar de estar escavados unha gran cantidade de castros. As referencias que fan sobre esta belicosidade os autores clásicos non é crible ó cen por cen, xa que seguramente estean influídos polo espírito de superioridade e defensa da conquista romana, ademais de non ter experiencia directa da sociedade castrexa. No Bronce final si aparecen unha gran cantidade de armas claramente ofensivas, polo que si se podería falar dunha sociedade guerreira, pero na cultura castrexa xa non existe este arsenal de armas, senón que as armas que aparecen se semellan máis a coitelos de cociña que a obxectos de loita; a parte tampouco hai enterramentos con armas, como os depósitos do Bronce, nin arreos de cabalos nin restos de carros similares ós atopados noutros lugares, nin restos epigráficos anteriores á conquista romana que fagan mención desta suposta belicosidade. Todo o exposto anteriormente son os argumentos do autor para desmentir a belicosidade das sociedades castrexas; pero tamén fai referencia a elementos que si poderían soster a belixerancia castrexa, pero non ten porque ser así necesariamente, xa que existen outras posibilidades que o expliquen; estes elementos serían o descoñecemento dos deuses castrexos, agás os guerreiros, asociados con Xúpiter ou Marte (cun topónimo a continuación), pero o seu cometido sería o de defensa do lugar mencionado, ademais de aparecer só dende o século II d.C. e non estar feitos por castrexos puros, senón que serían romanos ou indíxenas romanizados; outro elemento sería a situación dos castros en zonas altas, situación que podería atender, non a motivos defensivas, senón a razóns climático –forestais, como a menor vexetación nestas zonas que nas baixas ou a existencia de humidais nas terras baixas, amais de que as terras altas eran máis fáciles de labrar. As murallas son útiles defensivamente, ó repeler ben os golpes pola súa elasticidade, ó non ser ríxidas, pero non teñen porque ser defensivas, poden ter outros usos como o de límite dos castros ou elemento de prestixio; e en caso de ser defensivas poden ter sido feitas en época romana, ben por mandato romano ou por defensa ante este.
No seu libro Os celtas. Un (re)visión dende Galicia, do ano 2010, segue dicindo o mesmo sobre o tema, nega esta suposta belixerancia castrexa, remitíndonos ó seu libro sobre cultura castrexa (o citado anteriormente) resumindo os argumentos expostos neste para defender a súa tese contraria á supostas belicosidade castrexa. Ademais tamén afirma a inexistencia de federacións ou unión de poboados castrexos.
Pola outra banda Jose Manuel Caamaño Gesto no seu libro A cultura castrexa. Economía, sociedade, relixión e arte, do ano 2007, non mostra a súa opinión sobre este tema, a belicosidade castrexa, senón que fai un repaso sobre os argumentos dos que defenden esta belicosidade, amparándose nos poucos vestixios existentes, e pouco concluíntes para definir unha sociedade como belixerante; a parte dos autores clásicos, pouco cribles, e algúns textos epigráficos, que describen ás poboacións galaicas (castrexas) como guerreiras, os únicos vestixios arqueolóxicos existentes sobre os que apoiarse para defender esta belixerancia castrexa son o importante papel dos guerreiros e da ideoloxía da guerra, a existencia de divindades guerreiras e fratrías de guerreiros (segundo defenden algúns autores), os supostos ritos iniciáticos e as representacións escultóricas sobre a guerra, como esculturas con armas pouco útiles na realidade. Á existencia de saunas nos poboados castrexos algúns autores danlle un carácter de lugar de rito iniciático dos guerreiros mediante o baño, o que corroboraría o papel importante dos guerreiros e da ideoloxía da guerra, así como a existencia de fratrías de guerreiros; en canto ás divindades guerreiras, como Coso ou o grupo Band, podían ser simplemente deuses protectores da comunidade. O reforzamento e construción de sistemas defensivos con fortes murallas e foxos indicarían a existencia de tensións entre as distintas comunidades castrexas, que estarían lideradas por un xefe, cuxo poder residiría na súa capacidade de manter o territorio ou aumentalo; isto coincidiría co que di Estrabón, que fala do bandoleirismo endémico das poboacións do noroeste peninsular.

Despois de analizar a exposición destes dous arqueólogos chégase á conclusión de que o máis seguro é que a sociedade castrexa non fora belicosa, dada a falta de vestixios arqueolóxicos que así o corroboren, pero non teñen porque atoparse espadas ou armas metálicas, que puideron ser fundidas ou requisadas polos romanos, para defender esta belicosidade; parece difícil que uns poboados situados uns preto dos outros non tiveran problemas entre eles, incluso pertencendo todos á mesma comunidade castrexa, ademais pode que os castrexos non foran derrochadores e recolleran as armas despois da batalla, explicando a súa ausencia nas escavacións.

miércoles, 29 de enero de 2014

A reliquia de Dodro

Nas Brañas de Laíño residen unha gran cantidade de animais, coma lontras, pero principalmente viven nela aves, nalgúns casos só para criar no periodo estival, coma o picapeixe, a garza real, o gabián ou a aguia perdiceira. Pero sobre todas estas destaca un paxaro pequeno que unha subspecie, a propia do NO da península Ibérica, da escriventa das canaveiras a Emberiza schoeniclus lusitánica.
Esta ave, un endemismo dos ceos galegos, coñecida tamén como escriventa das canaveiras, atopase na actualidade en perigo crítico de extinción, xa que se calcula que quedan menos de 100 parellas reproductoras na actualidade. O seu nome venlle por aniñar entre as canaveiras das zonas húmidas.
Precisamente nas Brañas de Laíño é onde se sitúa a maior poboación desta ave, pero ó contrario que outras especies, vexetais ou animais, en perigo de extinción esta circunstancia non eleva o nivel de protección deste ecosistema fluvio-marítimo, dado que nin protección propia ten, senón que está integrado no Sistema Fluvial Ulla -Deza (incluido na Rede Natura 2000), que na practica non é máis que un "caixón de xastre" que abarca varias zonas naturais non conectadas entre si, pero de facto non conleva unha protección especial para estes.