jueves, 27 de febrero de 2014

A belicosidade castrexa

A seguinte comparativa sobre a belicosidade das poboacións castrexas  vaise facer a partir dos libros dos arqueólogos Francisco Calo Lourido, A cultura castrexa e Os celtas. Unha (re)visión dende Galicia, e José Manuel Caamaño Gesto, A cultura castrexa. Economía, sociedade, relixión e arte, o tomo IV de “A Gran Historia de Galicia”.
Francisco Calo Lourido no seu libro a cultura castrexa, do ano 1993, di con respecto a esta, suposta belicosidade castrexa, que non existe, xa que non hai restos materiais que corroboren esta suposición, a pesar de estar escavados unha gran cantidade de castros. As referencias que fan sobre esta belicosidade os autores clásicos non é crible ó cen por cen, xa que seguramente estean influídos polo espírito de superioridade e defensa da conquista romana, ademais de non ter experiencia directa da sociedade castrexa. No Bronce final si aparecen unha gran cantidade de armas claramente ofensivas, polo que si se podería falar dunha sociedade guerreira, pero na cultura castrexa xa non existe este arsenal de armas, senón que as armas que aparecen se semellan máis a coitelos de cociña que a obxectos de loita; a parte tampouco hai enterramentos con armas, como os depósitos do Bronce, nin arreos de cabalos nin restos de carros similares ós atopados noutros lugares, nin restos epigráficos anteriores á conquista romana que fagan mención desta suposta belicosidade. Todo o exposto anteriormente son os argumentos do autor para desmentir a belicosidade das sociedades castrexas; pero tamén fai referencia a elementos que si poderían soster a belixerancia castrexa, pero non ten porque ser así necesariamente, xa que existen outras posibilidades que o expliquen; estes elementos serían o descoñecemento dos deuses castrexos, agás os guerreiros, asociados con Xúpiter ou Marte (cun topónimo a continuación), pero o seu cometido sería o de defensa do lugar mencionado, ademais de aparecer só dende o século II d.C. e non estar feitos por castrexos puros, senón que serían romanos ou indíxenas romanizados; outro elemento sería a situación dos castros en zonas altas, situación que podería atender, non a motivos defensivas, senón a razóns climático –forestais, como a menor vexetación nestas zonas que nas baixas ou a existencia de humidais nas terras baixas, amais de que as terras altas eran máis fáciles de labrar. As murallas son útiles defensivamente, ó repeler ben os golpes pola súa elasticidade, ó non ser ríxidas, pero non teñen porque ser defensivas, poden ter outros usos como o de límite dos castros ou elemento de prestixio; e en caso de ser defensivas poden ter sido feitas en época romana, ben por mandato romano ou por defensa ante este.
No seu libro Os celtas. Un (re)visión dende Galicia, do ano 2010, segue dicindo o mesmo sobre o tema, nega esta suposta belixerancia castrexa, remitíndonos ó seu libro sobre cultura castrexa (o citado anteriormente) resumindo os argumentos expostos neste para defender a súa tese contraria á supostas belicosidade castrexa. Ademais tamén afirma a inexistencia de federacións ou unión de poboados castrexos.
Pola outra banda Jose Manuel Caamaño Gesto no seu libro A cultura castrexa. Economía, sociedade, relixión e arte, do ano 2007, non mostra a súa opinión sobre este tema, a belicosidade castrexa, senón que fai un repaso sobre os argumentos dos que defenden esta belicosidade, amparándose nos poucos vestixios existentes, e pouco concluíntes para definir unha sociedade como belixerante; a parte dos autores clásicos, pouco cribles, e algúns textos epigráficos, que describen ás poboacións galaicas (castrexas) como guerreiras, os únicos vestixios arqueolóxicos existentes sobre os que apoiarse para defender esta belixerancia castrexa son o importante papel dos guerreiros e da ideoloxía da guerra, a existencia de divindades guerreiras e fratrías de guerreiros (segundo defenden algúns autores), os supostos ritos iniciáticos e as representacións escultóricas sobre a guerra, como esculturas con armas pouco útiles na realidade. Á existencia de saunas nos poboados castrexos algúns autores danlle un carácter de lugar de rito iniciático dos guerreiros mediante o baño, o que corroboraría o papel importante dos guerreiros e da ideoloxía da guerra, así como a existencia de fratrías de guerreiros; en canto ás divindades guerreiras, como Coso ou o grupo Band, podían ser simplemente deuses protectores da comunidade. O reforzamento e construción de sistemas defensivos con fortes murallas e foxos indicarían a existencia de tensións entre as distintas comunidades castrexas, que estarían lideradas por un xefe, cuxo poder residiría na súa capacidade de manter o territorio ou aumentalo; isto coincidiría co que di Estrabón, que fala do bandoleirismo endémico das poboacións do noroeste peninsular.

Despois de analizar a exposición destes dous arqueólogos chégase á conclusión de que o máis seguro é que a sociedade castrexa non fora belicosa, dada a falta de vestixios arqueolóxicos que así o corroboren, pero non teñen porque atoparse espadas ou armas metálicas, que puideron ser fundidas ou requisadas polos romanos, para defender esta belicosidade; parece difícil que uns poboados situados uns preto dos outros non tiveran problemas entre eles, incluso pertencendo todos á mesma comunidade castrexa, ademais pode que os castrexos non foran derrochadores e recolleran as armas despois da batalla, explicando a súa ausencia nas escavacións.